O anuncio da posible fusión entre os Concellos de Ribadavia e Carballeda de Avia planeou hoxe sobre o salón de plenos deste útlimo municipio ao celebrarse a sesión ordinaria da Corporación correspondente ao presente mes de xullo. E a expectación estaba servida, xa que un grupo de veciñas e veciños achegouse ata a Casa do Concello para recibir información de primeira man sobre a unión administrativa destes dous municipios da comarca do Ribeiro, que sumarían unha poboación conxunta superior aos 6.000 habitantes.
Foi no inicio do último punto da orde do día, o relativo a rogos e preguntas, cando o voceiro de Carballeda Adiante, Antonio Cabaleiro, propuxo unha moción de urxencia que non se votou, de xeito que o alcalde, Luis Milia, tomou a palabra finalmente. O rexedor socialista non quixo descartar a posibilidade dunha futura fusión con Ribadavia, xustificada polo descenso sistemático da poboación no Ribeiro e no seu propio concello, cada vez máis envellecida, pero sempre co punto de mira no mantemento de tódolos servizos que se presta á veciñanza. Milia fixo referencia á que será nova lei de Réxime Local, que favorecerá este tipo de fusións, e anunciou que “irei casa por casa para falar cos veciños e explicarlles todo isto, pero se eles din que non se fai a fusión, non se fará”.
Pola súa banda, Cabaleiro amosou a súa postura contraria, “xa que Carballeda funciona e pódese manter por sí sola”, mentres o voceiro do Partido Popular, Marcos Rios, comentou os beneficios dunha posible fusión, xa que suporía incrementar o orzamento municipal nun millón de euros e a posta en marcha de varios proxectos pendentes en Carballeda. “Esiximos un informe económico de intervención dos dous concellos para coñecer cál é a súa situación”, expresou o concelleiro popular.
Postura da Xunta
Por parte da Xunta de Galicia, o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, apuntou hoxe que, “desde a Xunta apostamos por fomentar todas as vías de cooperación entre concellos, xa sexan as fusións voluntarias ou outras fórmulas de colaboración intermunicipal. Se os Concellos de Carballeda de Avia e Ribadavia deciden fusionarse, nós vémolo ben e agardamos que poida materializarse, pero esa é unha decisión que deben consensuar os concellos implicados”.
“Á Xunta solicitaron asesoramento sobre as vantaxes e beneficios que supón este proceso e indicáronselles as axudas que supón: económicas, de asistencia ou de apoio, e non só da Xunta, senón tamén das deputacións. Ao noso xuízo a cooperación intermunicipal mellora a capacidade financeira e a calidade na prestación de servizos, o que repercute na fixación da poboación”, engadíu Calvo.
De feito, na futura Lei de Administración Local de Galicia, que se atopa en tramitación, a Xunta seguirá impulsando medidas para fomentar a cooperación entre concellos como o reforzo das mancomunidades, a creación de novas figuras como as áreas funcionais de carácter temporal ou priorizando aos concellos fusionados nas axudas a municipios a través do fondo de fusións.
No caso de darse algunha nova fusión, como pode ser esta, a Xunta mantería o mesmo apoio que cos municipios fusionados ata agora en Oza-Cesuras ou Cercedo-Cotobade. Isto é, dándolles prioridade nas axudas públicas e con ese fondo específico para concellos fusionados no Fondo de Cooperación Local. No caso de que ambos concellos decidan continuar coa iniciativa, o procedemento desenvolverase conforme á lexislación de réxime local e deberán, en primeiro lugar, aprobar inicialmente a fusión polos plenos de ambos concellos.








