Os Concellos de Avión e Boborás apostan pola mellora da estrada entre Albarellos e Beresmo

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os concellos de Avión e Boborás impulsan conxuntamente a rehabilitación da estrada municipal que conecta ambos municipios, unha vía de especial importancia para a mobilidade da veciñanza, o acceso ás explotacións agrarias e forestais e a intervención dos servizos de emerxencias. A actuación, que se executará como unha primeira fase de mellora da estrada, conta cun orzamento total de 51.515,56 euros e cunha subvención de 36.060,89 euros concedida pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Dirección Xeral de Administración Local. A axuda representa o 70% do orzamento do proxecto.

O proxecto permitirá actuar sobre máis de 1 km de vía, debido o importante estado de deterioro, e acometer unha rehabilitación integral do firme, actualmente afectado por afundimentos, rodeiras, perda da capa de rodadura e outras deficiencias que dificultan a circulación e comprometen a seguridade viaria.

Os traballos previstos inclúen a reparación das zonas con maior deterioración estrutural, a regularización do pavimento e a aplicación dun novo tratamento superficial asfáltico, co obxectivo de mellorar a adherencia, a resistencia e a comodidade da circulación.

A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, destacou que “esta primeira fase permitirá avanzar na recuperación dunha vía fundamental para a comunicación entre os dous concellos e mellorar as condicións de seguridade para todas as persoas que a utilizan”. Torres salientou tamén que “a cooperación entre concellos resulta esencial para afrontar proxectos que superan os límites municipais e que teñen unha utilidade común para a veciñanza de todo o territorio”.

Pola súa banda, o alcalde de Avión, Antonio Montero, subliñou que “esta estrada é unha conexión moi importante para os núcleos rurais da zona e para as actividades agrarias e forestais, polo que esta actuación responde a unha necesidade real e compartida polos dous concellos”. Montero engadiu que “a execución conxunta permite ofrecer unha solución máis eficiente e homoxénea, evitando actuacións illadas e aproveitando mellor os recursos públicos”.

A estrada presta ademais un servizo relevante para o acceso aos montes veciñais e para o tránsito de vehículos pesados vinculados ao transporte de madeira. Tamén constitúe unha vía de interese para as intervencións do GES de Avión no municipio de Boborás, ao facilitar un acceso máis directo en situacións de emerxencia.

A actuación conxunta permitirá reducir custos, evitar duplicidades administrativas e garantir unha solución técnica uniforme ao longo de toda a estrada. Esta primeira fase supón así un paso importante dentro do obxectivo compartido de Avión e Boborás de continuar mellorando progresivamente esta conexión viaria que é de 8 kilómetros, e na que xa se están planificando as novas fases.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------