A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que Galicia se consolida como unha das comunidades máis eficientes na xestión de residuos municipais cunha mellora que rolda os 10 puntos na taxa de reciclaxe. Ángeles Vázquez visitou hoxe as instalacións da Mancomunidade do Ribeiro, ubicadas en Beade, acompañada polo seu presidente, Francisco José Fernández; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e os alcaldes de Beade; Fernando Taboada; Cenlle, Rebeca Montero, e A Arnoia, Rodrigo Aparicio.
Os datos, correspondentes ao exercicio de 2024, estiman unha mellora de ata 10 puntos na taxa de reciclado, que pasaría do 20% ao 30%, e situando a Galicia nunha posición destacada a nivel nacional e ascendendo dez postos no ranking nacional. Esta mellora tamén se reflicte nos datos de recollida selectiva, onde Galicia mellora significativamente a súa posición relativa, situándose entre as sete comunidades con mellores resultados neste eido. En concreto, pasaría dunha taxa do 16% a unha do 24%, o que suporía un incremento do 50% na eficacia da separación en orixe.
No que atinxe á taxa de vertido, Galicia, cun 33%, consolídase entre as comunidades con menor dependencia do vertedoiro e sitúase ademais moi por debaixo da media nacional, que adoita superar o 50%. Este dato é ademais un bo indicador de cara ao cumprimento do obxectivo establecido para 2025 dun 40% de residuos destinados a vertedoiros.
Ángeles Vázquez puxo en valor tamén o papel das entidades supramunicipais para apoiar, sobre todo, aos pequenos concellos do rural. Así, sinalou a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro, que hoxe visitou xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, como exemplo de xestión e colaboración entre municipios. De feito, esta Mancomunidade foi a entidade supramunicipal que máis financiamento recibiu da provincia de Ourense no marco da orde de axudas convocadas este ano pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para apoiar os concellos na mellora dos seus servizos de xestión de residuos municipios.
En concreto, recibiu preto de 170.000 euros para mellorar a recollida separada de biorresiduos e adquirir un vehículo específico destinado a este servizo. Estes apoios contribuirán a reforzar e ampliar a recollida separada da fracción orgánica, mellorar a eficiencia do servizo e avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos nos catro concellos que integran a Mancomunidade -A Arnoia, Beade, Cenlle e Leiro-. Así mesmo, a adquisición dun vehículo específico facilitará a implantación territorial da recollida separada dos biorresiduos, contribuíndo á profesionalización do servizo e á mellora da capacidade operativa do servizo.









