Despois de dez días de percorrido pola provincia ourensá, enchendo de público e aplausos os espazos das actuacións, as Xornadas de Folclore pecharán esta edición do 2026 no Castelo de Ribadavia, onde as agrupacións folclóricas amosarán a tradición e a cultura dos seus países nunha única actuación. Faltará á cita, non sen certo pesar, o Ballet Jumma de Senegal, que xa tiña un compromiso anterior ao peche da súa presenza en Ourense. Así, no auditorio ribadaviense está prevista a actuación das agrupacións de Taiwán, Ecuador, Serbia, México e Armenia, a partir das 23,00 horas.
Os preto de 170 artistas que participan nesta edición das Xornadas de Folclore destacaron “o agarimo” que recibiron do público a través dos cálidos e sonoros aplausos que soan despois de cada actuación. Destacaron tamén a súa ledicia por poder participar neste evento cultural, que xa cumpriu os 41 anos e que, ano tras ano, é o máis esperado do verán ourensán e amosaron gratitude a todo o persoal que traballa nelas “polo trato tan atento recibido”.
As Xornadas, nas que traballan preto de 25 persoas para atender todas as necesidades dos participantes e a montaxe dos escenarios, están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, creado no 2004, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández.
O Centro de Cultura Popular naceu a partir dunha transformación da Escola Provincial de Danza da Deputación que, dende 1984, viña desenvolvendo unha intensa actividade no eido da música e da danza popular, e unha serie de actividades de investigación e difusión da cultura popular, seguindo a traxectoria comezada polo Colectivo Cultural Castro Floxo.
Entre os obxectivos actuais do Centro atópase a promoción de actividades que busquen recuperar, conservar e espallar a cultura popular e habilitar os medios para dala a coñecer e transmitir deste xeito un patrimonio intanxible. As Xornadas de Folclore son unha das moitas actividades que levan a cabo ao longo do ano.

















