V Festival Celta de San Amaro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Castro de San Cibrao de Las volverá cobrar vida o 5 de setembro coa quinta edición do Festival Celta de San Amaro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de San Amaro celebrará o vindeiro sábado 5 de setembro a quinta edición do seu Festival Celta, unha xornada que converterá o Castro de San Cibrao de Las nun gran escenario de música, recreación histórica, obradoiros, gastronomía e tradición.

O Festival chega á súa V edición coa vontade de seguir medrando e consolidándose como unha cita cultural e turística arredor dun dos grandes xacementos castrexos de Galicia.

O obxectivo do Concello é que o Festival sirva tamén para poñer en valor e dar a coñecer o Castro de San Cibrao de Las, atraendo novos visitantes ao xacemento e ofrecendo unha maneira diferente e participativa de descubrir a nosa historia e as nosas raíces.

A programación comezará ás 12:30 horas e prolongarase ata a noite, cunha proposta pensada para que o público non sexa un simple espectador, senón que participe e viva o Castro.

Haberá recreacións e obradoiros con Terra Copora, Tir na nÓg e Bolboretas Fiandeiras, así como dúas recreacións de loita castrexa e animación durante toda a xornada da man de Dar Trela Teatro.

A música terá un protagonismo moi especial. Gaelok encargarase da animación musical ás 14:00 horas e, a partir das 17:00 horas, Uxía Pedreira protagonizará un dos grandes bloques da tarde.

Comezará cunha Experiencia Inmersiva de Canto Primal, unha proposta colectiva e participativa na que o público formará parte do canto. A continuación terá lugar o concerto de Uxía Pedreira e completarase este bloque cun obradoiro a cargo de Óscar Górriz, “Elaboración de Pandeiro Vegano”.

Os máis pequenos tamén terán o seu espazo no Festival. Ás 17:30 horas, o persoal do Centro de Interpretación da Cultura Castrexa desenvolverá “Lansbrica, a cidade dos nen@s”, unha actividade infantil coa que os nenos e nenas poderán achegarse ao mundo castrexo dunha maneira lúdica, didáctica e participativa.

Ás 19:00 horas, O Mestre Moxardín levará aos asistentes nunha particular viaxe no tempo para descubrir como era a vida dos castrexos, os seus costumes e os segredos que agocha o Castro.

Un dos momentos máis especiais chegará ás 20:00 horas, cando a croa do Castro de San Cibrao de Las acolla O Solpor, coa Oración Celta e O Canto Primal a cargo de Uxía Pedreira, coa colaboración de Óscar Górriz.

Ás 21:00 horas terá lugar unha degustación de Porco Celta, coa que o Festival quere incorporar tamén a gastronomía e a posta en valor das razas autóctonas galegas á celebración das nosas raíces.

A programación contará tamén co Xantar Castrexo das 15:00 horas. O público poderá traer a súa propia comida e xantar no Castro ou participar no xantar oficial do Festival, neste último caso con reserva previa.

A música regresará con forza pola noite. Ás 22:30 horas será a quenda de Acordeireta e, ás 23:30 horas, Os Melidaos serán os encargados de poñer o broche musical á quinta edición do Festival.

Desde o Concello de San Amaro queremos que esta edición sexa, sobre todo, unha invitación a descubrir, participar e vivir o Castro de San Cibrao de Las, utilizando a cultura, a música, a recreación histórica e a gastronomía como ferramentas para dar a coñecer un dos grandes recursos patrimoniais do noso territorio.

Porque o 5 de setembro non queremos simplemente visitar o Castro: queremos que o Castro volva cobrar vida.

━━━━━━━━━━━━━━

PROGRAMA | SÁBADO 5 DE SETEMBRO

12:30 h · Cerimonia de Benvida · Dar Trela Teatro

13:00 h · Recreacións castrexas e obradoiros
Terra Copora · “Camiñando pola Historia: Calzado Galaico”
Tir na nÓg · “Decoración con Pigmentos Minerais”
Bolboretas Fiandeiras · “A Voltas coa Lá”

13:30 h · Loita Castrexa · Dar Trela Teatro

14:00 h · Animación musical · Gaelok

15:00 h · XANTAR CASTREXO
Trae a túa comida ou participa no xantar oficial do Festival (reserva previa).

17:00 h · UXÍA PEDREIRA
Experiencia Inmersiva de Canto Primal · Participación aberta ao público
Concerto de Uxía Pedreira
“Elaboración de Pandeiro Vegano” · Obradoiro a cargo de Óscar Górriz

17:30 h · LANSBRICA, A CIDADE DOS NEN@S
Actividade infantil organizada polo persoal do Centro de Interpretación da Cultura Castrexa

18:00 h · Loita Castrexa · Dar Trela Teatro

19:00 h · O Mestre Moxardín visita o Castro

20:00 h · O SOLPOR NA CROA DO CASTRO
Oración Celta e O Canto Primal · Uxía Pedreira
Coa colaboración de Óscar Górriz

21:00 h · Degustación de Porco Celta

22:30 h · Concerto de Acordeireta

23:30 h · Concerto de Os Melidaos

E DURANTE TODO O DÍA… DAR TRELA TEATRO!

Dar Trela Teatro acompañaranos durante toda a xornada, poñendo humor, interpretación e ambientación e facendo que o Castro cobre vida.

━━━━━━━━━━━━━━

Castro de San Cibrao de Las · San Amaro
Sábado, 5 de setembro de 2026

Historia · Música · Recreación · Gastronomía · Obradoiros · Tradición

V FESTIVAL CELTA DE SAN AMARO
O CASTRO VOLVE COBRAR VIDA!

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------