A homenaxe aos viticultores convocou a centos de visitantes na ‘XXXV Festa da Vendima’ de Leiro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A localidade de Leiro, no corazón da comarca do Ribeiro, acolleu este domingo unha nova edición da ‘Festa da Vendima’, unha celebración con 35 anos de historia e pensada para render homenaxe ao traballo que desenvolven os viticultores do municipio e, por extensión, de toda a zona vitivinícola, para conseguir unha boa colleita de uva para a súa posterior transformación en viño. Deste xeito, a súa calidade organizativa foi distinguida coa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia.

E o produto obtido este ano vai ter unha calidade excelente, e así o confirmaban as diferentes variedades de uvas autóctonas que foron presentadas ao tradicional Concurso de Acios e que estiveron expostas na céntrica Praza do Cruceiro.

A media mañá, a recepción institucional na Casa do Concello por parte do alcalde, Francisco José Fernández, ás autoridades, entre elas, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e o presidente da Deputación Provincial, Luis Menor, que acompañaron nun brinde á actriz e produtora cinematográfica Mabel Lozano, con vivenda na veciña Lebosende, e que no seu pregón de exaltación puxo en valor a riqueza do rural. A artista foi agasallada cun pin, un diploma e o cadro do cartaz da festa que elaborou o deseñador Juan Valcárcel.

O Concurso de Carrozas, cecais a cita máis interesante da celebración, non defradou aos centos de persoas que se achegaron ata Leiro, cun desfile animado por charangas dende a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira. Foron oito as sempre vistosas propostas presentadas, un número máis reducido cá en edicións anteriores debido precisamente ás tarefas da vendima que está a levar a cabo a veciñanza das parroquias do municipio. O público asistente tamén desfrutou do paso dos preto de 100 vehículos clásicos que participaban na habitual concentración, e que logo foron estacionados no Salgueiral.

Unha paraxe natural ao carón do río Avia na que 17 adegas do municipio participaron na ‘VI Mostra de Viños’, ofrecendo aos visitantes a cata das súas mellores variedades, e que tamén acolleu o ‘XXI Mercado Artesanal’ e o tradicional xantar popular, en cuxa sobremesa tivo lugar o acto de entrega de galardóns aos premiados nos concursos de carrozas e acios. Pola tarde, desputouse o partido de fútbol de veteranos, no estadio Luis Sobrino, e celebrouse o Concerto de Corais da Vendima, na igrexa parroquial de San Pedro, finalizando o festexo cunha verbena.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------