O Concello do Carballiño indica ao BNG que “gobernar significa propoñer, buscar acordos, abrir portas e crear oportunidades” coma é o caso do programa termal

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño, nunha nota de prensa, lamenta que “o BNG volva recorrer ás acusacións de ‘oscurantismo’ e mesmo de ‘caciquismo’ para referirse a unha iniciativa que ten como obxectivo fundamental achegar o termalismo á veciñanza, promocionar un dos principais recursos da nosa vila e colaborar cun sector estratéxico para O Carballiño. Onde o BNG quere ver escuridade, desde o goberno municipal aportamos ideas, colaboración, oportunidades e, sobre todo, visibilidade para o termalismo do Carballiño”.

Dende o goberno municipal apúntase que “este Concello traballa e colabora cos dous balnearios existentes na vila e seguirá facéndoo, porque entendemos que a nosa responsabilidade non é poñer obstáculos ás iniciativas que xeran actividade, emprego e promoción do municipio, senón buscar fórmulas que permitan aproveitar todo o potencial termal que ten O Carballiño. Resulta especialmente sorprendente que unha formación política que debería defender a posta en valor dos recursos propios do municipio cuestione unha actuación precisamente destinada a fomentar o seu uso entre os propios veciños e veciñas”.

Engaden que “o programa termal nace cunha filosofía moi clara: facilitar o acceso da cidadanía aos tratamentos termais, contribuír ao benestar das persoas e, ao mesmo tempo, reforzar e dar visibilidade a un sector que forma parte da historia, da identidade e do futuro económico do Carballiño. Falar de ‘favores’ ou de ‘caciquismo’ neste contexto é unha acusación grave que o BNG debería ser capaz de acreditar antes de lanzala publicamente. Non todo vale na oposición política. Fiscalizar a acción do goberno é lexítimo e necesario; converter calquera iniciativa municipal nunha sospeita permanente é outra cousa moi diferente”.

Tamén subliñan dende o equipo de goberno do Carballiño que “a transparencia é perfectamente compatible coa iniciativa política, coa colaboración público-privada e coa promoción dos sectores económicos da vila. E precisamente iso é o que estamos facendo. Mentres uns dedican os seus esforzos a buscar polémicas, este Concello trata de xerar proxectos. Mentres uns falan de ‘oscurantismo’, nós falamos de colaboración. Mentres uns sementan sospeitas, nós buscamos oportunidades”.

Asemade, manifestan que “e mentres uns cuestionan que o Concello promocione o noso termalismo, nós temos claro que O Carballiño debe aspirar a converterse cada vez máis nun referente termal dentro e fóra de Galicia. Os balnearios non son un problema para O Carballiño: son un activo. E o deber dun Concello responsable é colaborar con eles, promocionalos, integralos na actividade da vila e buscar fórmulas para que esa riqueza repercuta tamén na veciñanza, no comercio, na hostalería, no turismo e no conxunto da economía local”.

“Desde o goberno municipal seguiremos traballando cos dous balnearios, escoitando propostas e impulsando novas iniciativas que permitan recuperar e fortalecer a identidade do Carballiño como vila termal. Porque gobernar non consiste unicamente en denunciar ou poñer baixo sospeita cada iniciativa. Gobernar significa propoñer, buscar acordos, abrir portas e crear oportunidades. E nese camiño é no que vai continuar o Concello do Carballiño”, conclúen.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------