Ribadavia acolle do 24 ao 27 de setembro ‘CanteirIA’, unha experiencia intensiva de catro días na que mozos e mozas de Galicia e do Norte de Portugal traballarán nas súas propias ideas para transformalas nun primeiro prototipo funcional. A directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses, acudirá este venres, 25 de setembro, para darlles a benvida ás persoas participantes.
O programa reúne un máximo de 15 participantes con perfís diversos e non require coñecementos de programación. Ao longo das xornadas, contarán co acompañamento de especialistas en emprendemento, deseño de produto e intelixencia artificial para definir o problema que queren resolver, identificar a súa posible clientela e construír unha primeira versión do seu proxecto, xa sexa unha aplicación, un prototipo ou unha páxina web.
Para facelo, empregarán ferramentas como Lovable, ChatGPT, Google Stitch e Gamma, ademais de solucións de automatización. O traballo partirá das ideas reais das persoas participantes e rematará cunha presentación dos proxectos, unha sesión de valoración e unha folla de ruta para os seguintes 30 días. O programa inclúe tamén unha visita guiada a Ribadavia e unha sesión de seguimento en liña un mes despois.
A participación é gratuíta e inclúe aloxamento, manutención, materiais e actividades de convivencia. Desde o Concello de Ribadavia destácase o valor de acoller un encontro que permite á mocidade desenvolver proxectos propios, compartir coñecementos con persoas doutros ámbitos e coñecer a vila durante a súa estadía.
Actividade da OMIX
Por outra banda, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ribadavia busca tres persoas interesadas en participar en “The Weight of Tender Things – Stories of Memory & Identity”, un curso de formación do programa Erasmus+ que se celebrará en Kaffler, Austria, do 19 ao 26 de outubro. A actividade propón explorar a identidade, a memoria e a expresión emocional a través da narración autobiográfica, o teatro e distintas prácticas artísticas participativas. Será tamén unha oportunidade para aprender nun entorno natural e creativo, convivir con persoas doutros lugares e participar nun intercambio cultural centrado na conexión e na empatía.

















