A parroquia de Santa María de Carballeda, no municipio de Piñor, acolle hoxe o ‘I Encontro Interdiocesano de Santos Misioneiros Galegos’, no que están a participar un total de 120 persoas chegadas das catro provincias galegas. A localización nesta parroquia está motivada por ser lugar de orixe de San Juan Jacobo, nativo do pobo de Moire. Unha inciativa que dende a Diócese de Ourense considérase un excelente comezo que confían se consolide no calendario diocesano.

A xornada abríuse cunha Eucaristía, presidida polo bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, e unha descrición sobre San Juan Jacobo Fernández, e continuou cun xantar en Cea. Pola tarde está prevista unha visita cultural ao Mosteiro de Oseira e unha oración polas misións. No encontro están presentes delegados episcopais de misións das cinco dióceses de Galicia, así como o alcalde do Concello de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares.
O evento ten coma obxectivo reflectir e poñer en valor o traballo dos misioneiros, facendo do mundo o seu fogar para levar o Evanxeo a aqueles que non o coñecen. Dende o Bispado espérase que este encontro sirva para animar a participar na misión e ver a importancia que ten este labor como cristiáns.

















