Ourense, 7 de outubro de 2026. A X edición do Trail Ribeira Sacra (TRS) presentouse este mércores no Parador de Santo Estevo. A proba celebrarase o domingo 11 de outubro de 2026 con saída e chegada en Luíntra (Nogueira de Ramuín) e reunirá máis de 500 corredoras e corredores de oito países. A organización esgotou as inscricións en só nove días e pechará o décimo aniversario cunha gran festa en Nogueira de Ramuín.
No acto interviñeron Esther González, directora do Parador de Santo Estevo; Diego Novelle, presidente do Grupo Organizador do TRS; Raúl Soto, concelleiro de Deportes do Concello de Nogueira de Ramuín; Diego Enrique Álvarez, asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense, e Manuel Pérez, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense.
Dez anos de espírito TRS
Diego Novelle repasou a traxectoria dunha proba que en dez anos pasou de ser un soño local a gañar un oco no calendario internacional. O presidente subliñou o carácter emocional da carreira: “O TRS é unha carreira, si, pero é moito máis ca unha carreira. É a emoción da saída de noite en Luíntra, cos frontais acesos e o corazón a mil. É o veciño que sae á porta a aplaudir, a voluntaria que leva horas no avituallamento e aínda che regala un sorriso. É unha gran familia que cada outubro volve á casa. Iso é o espírito TRS”.
Novelle lembrou que o TRS botou raíces no territorio, con trofeos feitos a man por un oleiro da zona, marcaxe compostable, sen vasos de plástico, as mesmas categorías e premios para mulleres e homes e unha Gastroexperiencia dedicada ao produto galego. Agradeceu tamén o traballo dos máis de cen voluntarios e voluntarias que fan posible a proba.
Récord de participación
A décima edición chega coas inscricións esgotadas en só nove días. Tomarán a saída máis de 500 corredoras e corredores procedentes de oito países (España, Portugal, Francia, Países Baixos, Suíza, Estados Unidos, Colombia e Rusia) e de quince comunidades autónomas, xunto a 361 galegos e galegas. A participación feminina acada o seu máximo histórico, con 106 mulleres, e a persoa máis veterana na saída ten 77 anos.
O reto mantén a súa esencia: 48 quilómetros e 3.450 metros de desnivel positivo, con saída ás 8:00 horas e un tempo máximo de 11 horas, polo Mirador da Lampa, o Parador de Santo Estevo, A Rasa, Pé do Home, Outeiro do Voadeiro e Pombar antes de regresar a Luíntra.
Novidades do aniversario
Por primeira vez, o TRS abre a xornada á infancia e á mocidade con dúas carreiras novas, lúdicas e non competitivas: TRS Rapaces, para mozas e mozos de 10 a 17 anos, con 1,3 quilómetros e saída ás 11:00 horas, e TRS Cativos, para nenas e nenos de 0 a 9 anos, con 800 metros de percorrido e saída ás 11:30 horas. “O futuro do trail na Ribeira Sacra comeza por elas e por eles”, destacou Novelle. Como cada ano, a rapazada contará tamén con inchables para vivir a xornada en familia.
A organización preparou ademais unha homenaxe moi especial durante a xornada, que se manterá en sorpresa ata o día da carreira.
A #GastroexperienciaTRS volverá á Praza Maior de Luíntra das 14:15 ás 19:30 horas, con varias estacións de degustación e sete selos de Galicia Experiencias de Calidade. Como novidade, contará cun espazo dedicado ás especialidades de Ourense, cun lugar destacado para os produtos de Nogueira de Ramuín, e con opcións veganas e sen glute. A xornada rematará cunha verbena moi especial: concerto de folk rock do Bruxo Queiman ás 20:30 horas e fin de festa con A Gramola ás 23:00 horas.
Apoio institucional
Raúl Soto puxo en valor o traballo conxunto que hai detrás da proba. “Como representante do Concello, grazas, porque entre todos conseguimos un produto cultural e turístico do que me toca presumir a nivel nacional”, afirmou o concelleiro, que agradeceu tamén a implicación de todo o equipo do Concello e de Protección Civil.
Diego Enrique Álvarez agradeceu o apoio da Xunta a esta e a outras probas, o do Concello de Nogueira de Ramuín, por saber coidar o municipio, e o do Parador. “Como Deputación, estamos orgullosos dunha organización que soubo envolver un evento deportivo nunha proposta turística, gastronómica e recreativa”, sinalou, antes de desexarlles sorte a todas as persoas participantes.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Pechou o acto Manuel Pérez, que felicitou a organización polo seu traballo e polo aniversario. “Coñezo moitos eventos, trails, carreiras e maratóns, pero o TRS é moi especial por todo o que o envolve. Promociona a Ribeira Sacra cun valor incalculable a nivel internacional”, afirmou. Pérez subliñou que nun ano tan especial as institucións non podían máis que sumarse: “Se o Concello, a Deputación e a Xunta estamos apoiando xuntos é porque o merecedes”. Destacou tamén a alta ocupación do Parador durante a fin de semana da carreira e animou o público a achegarse a Luíntra para ver “un auténtico espectáculo”. E pechou cun compromiso: “Dez edicións e, como mínimo, outras dez. Prometo que en 2027 a correrei”.
FICHA DA X EDICIÓN
- Data: Domingo, 11 de outubro de 2026 · Luíntra (Nogueira de Ramuín, Ourense)
- Trail Ribeira Sacra: 48 km · 3.450 m D+ · saída 8:00 h · tempo máximo 11 h · ITRA e UTMB Index
- Participación: Máis de 500 corredoras e corredores · 8 países · 15 comunidades autónomas · 106 mulleres
- TRS Rapaces (nova): 10 a 17 anos · 1,3 km · saída 11:00 h · non competitiva
- TRS Cativos (nova): 0 a 9 anos · 800 m · saída 11:30 h · non competitiva
- #GastroexperienciaTRS: Praza Maior de Luíntra · 14:15 a 19:30 h
- Música: Bruxo Queiman (folk rock) 20:30 h · A Gramola, fin de festa 23:00 h









