Nota informativa
A XIX Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”, que comezou a súa andaina o pasado domingo 4 de outubro, achega dúas novas representacións.
O sábado 24 de outubro, o grupo Teatre del Talión, procedente de Lleida, representará a comedia “ESOPO”, un canto á ledicia, á liberdade e ao amor. A obra aborda a loita entre os intereses mundanos e a procura da felicidade, a vitoria de David sobre Goliat e o reencontro con todo aquilo que fai da vida un estoupido de enerxía e de luz. Trátase, en definitiva, dun agasallo para todos os espectadores. Logo de ser premiada 112 veces en 40 certames de toda España e de máis de 71 representacións, “ESOPO” chega ao Carballiño.
O domingo 25 de outubro, as actrices de Teatro das Aras, procedentes de Cangas, porán en escena “(H)umanidade”, unha mirada crítica sobre a situación actual da Sanidade que nos toca vivir ou padecer. A obra conduciunos a reflexións máis profundas que retratan anacos desta humanidade fragmentada, absurda e traxicómica que estamos a construír, ou deconstruír.


















