A intervención contará cun investimento de ata 40.000 euros da Xunta de Galicia e incluirá escavacións, labores de conservación e un estudo de accesibilidade universal
O Concello de Avión inicia unha nova fase de actuacións no Castro de San Vicenzo ao abeiro do convenio de colaboración subscrito coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. O acordo está destinado á realización de traballos arqueolóxicos, á conservación das estruturas existentes e á mellora da accesibilidade universal deste importante xacemento.
A intervención dá continuidade aos traballos desenvolvidos nos últimos anos coa colaboración do Concello de Avión, da Asociación Cultural Vive Avión e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xusto. Todas estas entidades comparten o obxectivo de investigar, conservar e poñer en valor este destacado elemento do patrimonio histórico e cultural do municipio.
As actuacións previstas para 2026 inclúen:
- A continuación das escavacións arqueolóxicas.
- A conservación e o acondicionamento das estruturas identificadas.
- A elaboración dun estudo sobre a accesibilidade universal ao xacemento.
O convenio contempla unha achega da Xunta de Galicia de ata 40.000 euros, coa que se financiará o 100 % das actuacións previstas.
Con esta nova intervención, o Concello de Avión reafirma o seu compromiso coa protección e divulgación do patrimonio cultural local, así como coa colaboración entre administracións e entidades sociais. Estes traballos permitirán avanzar no coñecemento da historia do municipio e garantir a conservación deste valioso legado para as xeracións futuras.









