- A Asociación Cultural Ribadavia Activa-T promove e organiza unha programación con actividades infantís, espectáculos itinerantes, desfile, pasaxe do terror e actuacións musicais, coa colaboración do Concello e da Deputación de Ourense
Ribadavia, 23 de outubro de 2026
Ribadavia prepárase para vivir o vindeiro sábado 31 de outubro unha nova edición da Noite Meiga, unha iniciativa promovida e organizada pola Asociación Cultural Ribadavia Activa-T, coa colaboración do Concello de Ribadavia e da Deputación de Ourense. A programación reunirá propostas para diferentes idades e prolongarase desde a tarde ata a madrugada, con actividades infantís, personaxes fantásticos, música e espectáculos de terror nas rúas e nos espazos históricos da vila.
“A Noite Meiga é unha cita consolidada e de gran importancia no calendario ribadaviense, que cada ano atrae visitantes doutras localidades e contribúe a dinamizar o comercio e a hostalaría da vila. Ese poder de convocatoria é froito do traballo de Ribadavia Activa-T e da implicación da veciñanza, dos establecementos locais e do voluntariado, que fan posible unha celebración que enche de vida as nosas rúas”, sinala Yolanda Gómez, concelleira de Cultura.

A programación do día 31 comezará ás 17.00 horas coa apertura do Mercado Meigo na rúa Progreso. Á mesma hora, a Praza Maior concentrará diversas propostas: a Procura Meiga, a Escola de Feiticeiras e Feiticeiros —con animación musical de Abelo Valis e a visita do Gran Dragón e do Esqueleto Eustaquio—, O Espírito dos Medos e o fotomatón meigo O Espello das Meigas. Neste espazo tamén estará o posto oficial de Activa-T, con cadeliños e apócemas, así como o punto de información da organización.
Ás 18.00 horas sairá da Praza Maior “A marcha dos esqueletos”, un espectáculo itinerante de Zeltia Eventos. Media hora despois, ás 18.30 horas, o Auditorio da Casa da Cultura acollerá a actuación do mago Xulio Merino, cun prezo de entrada de 3 euros. A música continuará ás 19.00 horas na Praza Maior coas Pandereteiras da Istoria.
Un dos momentos centrais chegará ás 20.00 horas co Desfile Meigo, que partirá da Ponte de San Francisco. Nel participarán os Xigantes de Ribadavia, os Cabezudiños, o Esqueleto Eustaquio, o Gran Dragón e os Tabaleiros da Istoria, ademais do espectáculo itinerante “Ollos do terror”, de Zeltia Eventos, e outros participantes que se sumarán ao percorrido.
O Castelo dos Sarmiento, escenario da pasaxe do terror
Entre as 20.00 e as 00.00 horas, o Castelo dos Sarmiento acollerá a pasaxe do terror “As sombras da Istoria”, a cargo de Zeltia Eventos e de persoas voluntarias. O acceso realizarase polo Xulgado, na Praza Maior, con entradas de 7 euros e pases con horario específico. A actividade terá capacidade limitada e está recomendada para maiores de 12 anos.
A venda anticipada comezará o 23 de outubro en Anube Descanso. O propio día da celebración tamén se poderán adquirir entradas desde as 16.30 horas na Oficina da Mostra Internacional de Teatro, cun máximo de catro por persoa.
A programación continuará ás 20.50 horas na Praza Maior coa Danza Donas sen Cabaleiros e, ás 21.00 horas, coa primeira actuación de Festicultores. Ás 22.15 horas, a fachada do castelo será o escenario de “Fulgor”, de Zeltia Eventos.
Ás 23.00 horas coincidirán a animación dos Tabaleiros da Istoria polas rúas de Ribadavia e o espectáculo itinerante “Alerta zombi”, de Zeltia Eventos, con saída desde a Praza Maior. Festicultores regresará a esta praza ás 23.15 horas. Xa na madrugada, ás 00.30 horas, celebrarase a queimada con “As Lajartas”, con saída desde a Madalena ata o castelo. A xornada pecharase coa sesión de DJ Meneo, á 01.00 horas no Club Artístico.
Unha programación que comeza antes da gran noite
As actividades estenderanse tamén aos días previos. O 30 e o 31 de outubro, a igrexa da Madalena acollerá o escape hall “O roubo da coroa”, de Adda Fun, con pases ás 16.00, 17.45, 19.15, 21.30 e 23.15 horas. As entradas teñen un prezo de 15 euros e están dispoñibles en www.vivetix.com.
Ademais, do 26 de outubro ao 1 de novembro, a Praza de Abastos exhibirá as cabazas elaboradas polo alumnado do CRA Amencer e do CEIP Plurilingüe de Ribadavia. O Café Bar Aljama acollerá a exposición dos carteis participantes no concurso desta edición.
Yolanda Gómez salienta tamén a combinación de propostas da programación: “Hai actividades para que a cativada viva a súa propia Noite Meiga, espectáculos que percorren as rúas e propostas que aproveitan espazos tan singulares como o castelo. Esa diversidade permite participar de moitas maneiras e fai que a vila enteira forme parte da celebración”.
Desde Ribadavia Activa-T anímase o público a acudir caracterizado de meigas, bruxos, ánimas, feiticeiras ou outros personaxes da noite e, no caso de non levar disfrace, a vestir de negro para contribuír á ambientación. A información da programación pode consultarse tamén en www.noitemeiga.es e nos perfís da celebración en Facebook e Instagram.

















