Os traballos de escavación arqueolóxica no Castro de San Vicenzo de Avión tiveron un excelente premio co achádego da punta de ferro dunha xavelina da época romana -denominada ‘pilum’- que presentou un bó estado de conservación. O equipo de arqueólogos atopou esta peza no nivel de escombro da muralla da croa, nesta nova fase de actuacións que ten lugar no recinto castrexo ao abeiro do convenio de colaboración subscrito coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
A intervención dá continuidade aos traballos desenvolvidos nos últimos anos coa colaboración do Concello de Avión, da Asociación Cultural Vive Avión e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xusto. Todas estas entidades comparten o obxectivo de investigar, conservar e poñer en valor este destacado elemento do patrimonio histórico e cultural do municipio.
O ‘pilum’ era unha xavelina que era utilizada polos lexionarios da antiga Roma como arma arroxadiza por excelencia, xunto coa espada curta ou ‘gladius’. Con 2 metros de lonxitude e un peso que oscilaba entre os 2 e os 4 kg, o ‘pilum’ estaba formado por un asta de madeira de 1,2 metros de longo, unida a unha longa vara de ferro de 40 a 60 cm cunha punta piramidal ou triangular. Os lexionarios lanzaban esta xavelina a una distancia de 15 a 30 metros do enemigo, xusto antes de iniciar o combate corpo a corpo.
O convenio de colaboración coa Consellería de Cultura contempla para este 2026 a continuación das escavacións arqueolóxicas; a conservación e o acondicionamento das estruturas identificadas e a elaboración dun estudo sobre a accesibilidade universal ao xacemento. A achega do departamento autonómico é de 40.000 euros, coa que se financia o total das actuacións previstas.
Con esta nova intervención, o Concello de Avión reafirma o seu compromiso coa protección e divulgación do patrimonio cultural local, así como coa colaboración entre administracións e entidades sociais. Estes traballos permitirán avanzar no coñecemento da historia do municipio e garantir a conservación deste valioso legado para as xeracións futuras.
















