● A secretaria xeral do PPdeG urxe poñer fin á “polarización” e a “violencia” dos socios de Goberno de Sánchez, o BNG e Bildu, condenando de novo a agresión ao candidato do PP Jon Echeverría ou a falta de garantías de seguridade na campaña popular no País Vasco
● Critica os agravios do sanchismo na provincia, especialmente en materia de infraestruturas, lamentando que Ourense e Lugo sexan as únicas capitais de provincia galegas non conectadas por autovía
● Ana Vázquez pregúntase: “Que obra fixo Sánchez en Ourense? Que investimento fixo? Que vivenda creou? Cero vivendas”
Ourense, 19 de novembro de 2026. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende o proxecto do Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo como o único que garante o “cambio necesario” que precisa España. Para a número dous dos populares galegos, o próximo 29 de novembro é unha oportunidade para elixir ao partido que levará “as inquedanzas e a voz de Ourense” ao Goberno e que “unirá ao país”, fronte a unha política de Sánchez e os seus socios que, en oito anos, centrouse “no abandono á provincia” e na política de “crispación e violencia”.
Así o manifestou durante un paseo pola cidade, acompañada pola cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Ana Vázquez, así como doutros membros da candidatura popular ás Cortes Xerais, aos que Prado definiu como “homes e mulleres valentes que serán a voz de Ourense” en Madrid, para o que pide á veciñanza da provincia o seu voto para o proxecto do PP.
Prado lamenta o “abandono” que sufriu Ourense nestes oito anos de Goberno de Sánchez, con socios coma o BNG, que “non fixeron nada por Galicia”. Entre outros agravios á provincia por parte do Executivo central, fixo referencia ás infraestruturas, como a autovía que conecta Ourense con Ponferrada ou a de Ourense-Lugo, cuxos numerosos atrasos provocan que Ourense e Lugo sexan as únicas capitais galegas non conectadas por autovía. Tamén citou os atrasos nas obras de remodelación da estación intermodal ou a falta de compromiso do Goberno coa estación de mercadorías de San Cibrao das Viñas.
Para a número dous dos populares galegos, a solución contra o abandono pasa polo apoio nas urnas ao Partido Popular. “Xa vimos como o PSOE, co BNG, absolutamente radicalizado, só ofrece violencia nas rúas”, lamentou, facendo referencia a episodios recentes como a agresión ao candidato do PP no País Vasco Jon Echeverría ou a falta de garantías de seguridade da campaña do Partido Popular no País Vasco. Neste sentido, Prado sinala que “a política da violencia e da crispación ten que rematar”, asegurando que será Alberto Núñez Feijóo quen “vai acabar coa polarización”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
ANA VÁZQUEZ: “OS OURENSÁNS SÓ CONTAMOS PARA PAGAR IMPOSTOS”
Pola súa banda, Ana Vázquez reivindicou a necesidade de que a provincia teña “forza e voz propia no Congreso e no Senado”, asegurando que os populares seguirán “porta a porta, veciño a veciño” para escoitar as demandas dos ourensáns e defender “o cambio que Ourense necesita” tras oito anos de “parálise e abandono”.
Vázquez puxo a vivenda como exemplo do balance do Goberno central na provincia. “Que obra fixo Sánchez en Ourense? Que investimento fixo? Que vivenda creou? Cero vivendas”, afirmou. A candidata reprochou ao Executivo que cobrase á Xunta un millón de euros por un terreo, onde a administración autonómica está a promover vivendas de alugueiro. Tamén salientou a proposta do PP de suprimir o imposto de transmisións patrimoniais para os mozos que compren unha vivenda no rural.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
En materia fiscal, comprometeuse a defender a exención do IVE para os autónomos que facturen por debaixo dos 85.000 euros anuais. Segundo sinalou, a medida podería beneficiar a 22.600 autónomos da provincia de Ourense.
Defendeu tamén garantir a revalorización das pensións e aplicar un IVE do 0 % aos alimentos básicos. “Os ourensáns só contabamos para pagar os impostos cada mes e non recibir nada a cambio”, concluíu.
















