O PP de Ourense mantivo esta tarde un encontro con representantes da Real Federación de Caza en Ourense e de ATEGAL (Asociación de Tecores Gallegos), no que participaron os candidatos ao Congreso por Ourense Ana Vázquez, Rosa Quintana e Roberto González. A reunión serviu para analizar a situación do sector cinexético e trasladar as propostas do partido para apoiar a quen vive e traballa no medio rural.
Os candidatos puxeron en valor o peso social, económico e ambiental da actividade cinexética na provincia e no conxunto do país. “A caza forma parte da cultura en Ourense e en España, xera emprego e axuda a coidar os nosos montes e a xestionar a fauna”, sinalou Ana Vázquez.
A candidata número un ao Congreso denunciou, neste senso, o trato recibido polo sector nos últimos anos por parte do Executivo central e reclamou un cambio de rumbo. “A caza non é un inimigo do medio rural e merece respecto e non estar baixo sospeita permanente, como estivo durante estes anos coa ideoloxía de Pedro Sánchez”, afirmou.
Protección ambiental desde o campo e en consenso
Na xuntanza abordouse tamén a necesidade de compatibilizar a conservación da natureza coa actividade económica e social do rural, evitando medidas impostas sen diálogo co territorio. “Para protexer a natureza non hai que prohibilo todo e enfrontar a todo o mundo. Debe facerse a protección do rural e do medio ambiente desde o campo e en consenso co campo, e non desde os despachos de Madrid”, destacou Ana Vázquez.
Os candidatos do PP subliñaron o labor cotián de quen sostén o territorio e defendeu políticas que recoñezan o seu traballo. “Os agricultores, gandeiros e cazadores son os que coidan os nosos montes e os que están loitando pola sostibilidade todos os días, non o Goberno de Sánchez desde os despachos cómodos de Madrid”, asegurou Vázquez.
Finalmente, os populares trasladaron ao colectivo o compromiso firme do partido co seu futuro, asegurando que con Alberto Núñez Feijóo á fronte do Goberno de España o sector cinexético contará co respaldo institucional que merece e poderá seguir desenvolvendo a súa actividade con seguridade xurídica, protección e respecto, da man dun Executivo que escoita ao rural e apoia a quen coida do territorio.

















