Néstor Rego: “Votade con convicción á única alternativa na Galiza que é o BNG”
Na Coruña, apela á mobilización masiva dunha cidade que loitou con María Pita e na que 4.000 cigarreiras protagonizaron a primeira folga de mulleres en Galiza
A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou na Coruña ao “orgullo de País” e pediu concentrar no BNG este 29N todo o voto da xente que “leva Galiza na cabeza e no corazón” para facerse valer en Madrid e gañar en dereitos e vida digna.
“Imos a por un resultado histórico, témolo na punta dos dedos, e para conseguilo hai que mobilizarse e concentrar no BNG todo o voto da xente que leva Galiza na cabeza e no corazón, da xente que quere políticas valentes e transformadoras”, recalcou.
Nun ateigado mitin na Coruña, Pontón apelou a encher as urnas de orgullo galego, do orgullo dunha cidade que loitou con María Pita, que veu nacer as Irmandades da Fala e que ten unha longa historia de loita obreira; desde o orgullo, remarcou, das 4.000 cigarreiras que protagonizaron a primeira folga de mulleres en Galiza.
Desde esa inspiración, a portavoz nacional apelou a concentrar o voto no BNG “con alegría, con ilusión e con orgullo do noso” para que cada voto sexa unha expresión de esperanza e de dignidade e os galegos e as galegas teñan unha voz que se faga sentir e se faga respectar con máis forza en Madrid da man do Bloque.
“Desde A Coruña, desde cada vila, desde cada aldea, desde cada recuncho de Galiza, fagamos sentir a nosa voz”, apelou xunto ao cabeza de lista ao Congreso, Néstor Rego, nun mitin no que tamén participaron as candidatas e o candidato ao Congreso, Rosana Pérez, Mercedes Queixas e Alberto Lema; o candidato ao Senado, Mario Figueira, e a portavoz municipal e candidata á Alcaldía, Avia Veira.
Pontón chamou a ir votar o 29N coa “camiseta de Galiza”, apostando pola única forza que “vai poñer por diante a este País” e que vai “poñer o corpo polos galegos e as galegas”. Ante unhas dereitas que o BNG nunca vai apoiar e a outra pata do bipartidismo que xa se sabe o que dá de si, a líder nacionalista avanzou que o Bloque non vai dar “nin un só cheque en branco”, senón que vai exixir un trato xusto a Galiza. “Trato xusto é unha AP-9 galega e libre de peaxes, é unha tarifa eléctrica galega, é un tren de cercanías, é que lle devolvan á Coruña os seus terreos portuarios”, exemplificou.
Por iso, chamou a “suar a camiseta” nesta recta final de campaña con argumentos, non como o PP, que pide o voto para Feijóo pola súa xestión en Galiza. “Gran xestor? O que recortou en sanidade e educación, mentres triplicaba a débeda pública?”, ironizou, para afearlle a súa etapa á fronte da Xunta, na que tamén dinamitou a política pública de vivenda.
Neste sentido, recordou os incumprimentos de Feijóo coa Coruña, para a que prometeu un metro lixeiro en 2009, a base europea de Pemex en Punta Langosteira, un ecobarrio en Elviña cun investimento de 33 millóns de euros ou que o 80% do novo Chuac estaría construído en 2025. Actuacións todas elas que non fixo.
“Prometeu unha AP-9 galega e non só non o fixo, senón que a boicoteou; prometeu tamén 1.200 vivendas na Coruña e non entregou nin a primeira”, engadiu, para afearlle a continuación ao agora candidato do PP que diga que quere ‘un goberno sen mentira, que diga a verdade e que o que prometa se cumpra e senón que cale’.
“Pois o 29N imos calar a Feijóo enchendo as urnas de papeleta do BNG”, proclamou. “Temos na punta das mans un resultado histórico e para conseguilo hai que concentrar o voto no BNG de todas as persoas que queren a Galiza e queren políticas valentes e transformadoras”, incidiu.
Porque Galiza xógase moito, argumentou, e se hai un momento no que, máis que nunca, ten que facerse valer é agora. Neste punto, advertiu dun momento de gran convulsión, onde todo o que pasa no mundo afecta aos galegos e ás galegas.
Logo de recordar que “todas somos Palestina” e que “non se pode mirar para outro lado nin deixar de denunciar a hipocrisía da comunidade internacional” ante este xenocidio, Pontón afondou en como a escalada belicista que promoven as grandes potencias, e que sofren lamentablemente os pobos onde se producen, tamén afectan á cidadanía galega cun substancial aumento da inflación nun contexto no que os salarios e as pensións non dan para chegar a fin de mes.
Máis política social, menos gasto militar
Un modelo que concentra a riqueza nus poucos, advertiu, no que tamén se está cuestionando o estado do benestar e os dereitos da clase traballadora, á que se pretende espremer. Un ámbito este último no que, reprobou, Rueda tampouco quedou atrás, ao tratar como “vagos e maleantes” aos traballadores e traballadoras que enferman e collen unha baixa.
A líder nacionalista denunciou como se poñen en tela de xuízo os recursos para sanidade, educación, dependencia, vivenda ou pensións e, logo, “chega a OTAN, toca arrebato e resulta que os cartos aparecen maxicamente”. Nesta liña, recordou que o Estado enterrou 17.000 millóns na guerra de Ucraína e elevou o gasto militar en 2025 até os 35.000 millóns, fondos que apostou por destinar a políticas sociais que melloren a vida da xente.
“O problema non é de recursos, senón de prioridades”, sintetizou a portavoz nacional, que criticou un modelo que tamén conduce a unha maior desigualdade entre territorios, cun deseño centralizado no que Galiza perde. Nos últimos aos, afondou, no Estado todas as nacións e comunidades perderon peso menos unha, Madrid, evidenciando así un sistema centralista que prexudica aos galegos e ás galegas.
Pontón incidiu en que na política estatal, os recursos distribúense en función do peso que cada quen teña. “Pode ser por poboación, por peso económico ou por peso político, e Galiza só pode ter peso político da man dun BNG máis forte, porque neste Estado, ou te fas valer, ou o centralismo madrileño arrásanos”, resumiu.
“Por iso, o 29N, BNG, temos que concentrar no Bloque todo o voto da xente que leva Galiza na cabeza e no corazón; imos a por todas, sen límites, porque cando se trata de Galiza non podemos poñernos límites”, concluíu.
A alternativa é o BNG
Pola súa parte, Néstor Rego animou a depositar toda a confianza no BNG: “Non hai que votar con medo senón con convicción e con esperanza”, subliñou, para apuntar que “hai unha alternativa na Galiza, digna, coherente e que defende as políticas de esquerda e para as maiorías sociais e que nunca falla a este País e esa alternativa é o BNG”.
O cabeza de lista pola Coruña pediu votar con “total confianza o BNG o 29N”, dirixíndose especialmente a todas esas persoas que senten decepción, “comprendemos que poidan estar decepcionadas con quen gobernou, mais iso non pode implicar ficar na casa porque precisamente é o que quere a dereita”. “Non se lle pode dar ningunha oportunidade ao bloque reaccionario, mais tampouco se pode votar co nariz tapado ao mal menor”, recalcou.
Rego puxo en valor que na Galiza “hai unha forza política que cumpre co País, coas políticas sociais e democráticas e que é un muro de contención contra a ultra dereita”. “O BNG é a única forza que medra, a mellor situada para parar ás dereitas reaccionarias e a única que pon medidas para defender os intereses da Galiza en canto chega a Madrid”, incidiu.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Así mesmo, afirmou que “non queremos involución social nin democrática, mais tampouco serve a decepción nin a desmobilización” e demandou multiplicar a forza do BNG en Madrid para mudar as cousas e conquistar novas melloras para a Galiza, novos dereitos sociais e democráticos, máis vivenda pública e mellorar a calidade de vida das maiorías sociais.
“O BNG é a voz insubornábel dos intereses da Galiza. Queremos que a Galiza avance e para logralo necesitamos máis forza e ímolo lograr o 29N nas urnas, votade ao BNG porque podemos arrebatarlle escanos a ese bloque reaccionario“, concluíu.

















