O Grupo Municipal Socialista defenderá no pleno de xuño unha moción para que se realicen as obras de mantemento precisas do CIMM do Concello de Ourense e continúe sendo a súa sede

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Tamén piden, na iniciativa rexistrada, que mentres se levan a cabo as actuacións para a eliminación do gas radón as traballadoras dispoñan dunhas instalacións que garantan a continuidade dos programas e a confidencialidade das usuarias

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“É lamentable que tampouco se teña pensado en que colateralmente se fulminan, sen alternativa ningunha prevista, outros programas de atención, formación ou conciliación vencellados ao centro”, afirma a portavoz das e dos socialistas

En consonancia coa desconformidade amosada nas pasadas semanas sobre a decisión do executivo de Gonzalo Pérez Jácome de pechar o Centro de Información Municipal á Muller (CIMM), por non querer destinar orzamento para que se realicen as obras de eliminación de gas radón necesarias, o grupo municipal socialista levará ao pleno ordinario do mes de xuño unha moción para que o goberno local renuncie as súas intencións.

As e os edís do PSdeG entenden que só é cuestión de vontade política e que o alcalde e o seu equipo deberían apostar por manter aberto “un centro de referencia no relativo á atención á muller, a educación a prol da igualdade e na loita contra a violencia de xénero, tanto na nosa cidade coma na nosa Comunidade Autónoma”, tal e como se recolle no texto xa rexistrado para o seu debate.

Lembran as e os socialistas que hai 13 anos que se inauguraron as instalacións, grazas á xestión e sensibilidade do goberno bipartito de PSOE e BNG, e que pola boa distribución dos espazos e o seu emprazamento debería continuar sendo a sede dun lugar que ofrece múltiples servizos como o programa asistencial que presta atención integral (xurídica, psicolóxica e socioeducativa) ás mulleres, na súa maioría vítimas de violencia de xénero. “O traballo que se realiza para ofertar este acompañamento de xeito sensible e respectuoso merece unhas dependencias que garantan a confidencialidade e privacidade das usuarias”, sinala a portavoz do grupo no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez.

É por isto precisamente que a iniciativa presentada esixe que mentres se leven a cabo as obras de acondicionamento –estimadas en 200.000 euros– as empregadas do CIMM dispoñan dun lugar adecuado para desenvolver o seu labor, no canto de ter que conformarse cun andar do edificio municipal, que se emprega para outras tarefas administrativas, na praza San Martiño. “O CIMM de Ourense é unha infraestrutura de referencia, a mellor de todas as existentes con esta finalidade en Galicia, na cal se investiron máis de 600.000 € na reforma integral do edificio, na dotación de mobiliario ou fondos bibliográficos e na habilitación dos distintos espazos do mesmo, co consenso e respaldo de todos os grupos políticos da corporación”, recorda a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.

“É lamentable que tampouco se teña pensado nas traballadoras que terán que ser trasladadas a outro emprazamento totalmente inadecuado para a atención ás persoas usuarias e, ademais, colateralmente fulmínanse, sen alternativa ningunha prevista, outros programas de atención, formación ou conciliación vencellados ao centro”, remata advertindo sobre a relación de actividades que alí se desenvolvían e que aparecen descritos na moción.