A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; asistiu esta mañá á inauguración do mercado de Artesanía Alimentaria no Nadal na Praza Maior de Ribadavia. Esta iniciativa enmárcase dentro da proposta “Artesanía, saber e sabor” que se impulsa desde o seu departamento en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que está presente con Artesanía de Galicia e un mercado situado na igrexa da Madalena. No acto de inauguración, a conselleira puxo en valor esta iniciativa como elemento dinamizador do rural e do comercio local, a través do traballo que desenvolven os artesáns. No relativo a Artesanía Alimentaria, María José Gómez destacou que o mercado pon en valor os produtos agroalimentarios elaborados de xeito artesanal, así como aqueles amparados por denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, que tamén participan. En Ribadavia estarán presentes preto dunha vintena de produtores amparados por selos de calidade diferenciada e tamén máis dunha ducia de adegas da Denominación de Orixe Ribeiro.
A iniciativa de “Artesanía, saber e sabor”desenvolverase dende hoxe ata o domingo na capital do Ribeiro, cun amplo programa de actividades organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria e Artesanía de Galicia. Neste sentido, María José Gómez salientou que propostas deste tipo serven para poñer de relevo o bo facer dos artesáns galegos. No que respecta a Artesanía de Galicia, a iniciativa reúne a máis unha vintena de artesáns e obradoiros adheridos á marca. A igrexa de Santa María de Magdalena reunirá ao longo dos tres días diferentes expositores artesáns, pertencentes aos sectores da olería e cerámica, bixutería, xoiaría, coiro, calceta, feltro e relacionados coa moda. Así mesmo, o programa tamén contempla a celebración de distintos obradoiros e demostracións, que se desenvolverán en diferentes localizacións do casco antigo de Ribadavia e que serán abertas a todos os públicos. Haberá propostas de arranxos florais, estampaxe de postais, de cianotipias, de elaboración de sanandresiños ou de torno cerámico, nos que se poderán elaborar detalles cos que adornar as casas durante as festas de Nadal.
O mercado de Artesanía Alimentaria no Nadal de Ribadavia é o segundo dos catro que promove a Consellería do Medio Rural nestas datas, a seguinte cita será en Lugo, entre o 13 e o 15 de decembro; e en Santiago de Compostela do 20 ao 22 de decembro, todos eles en horario de mañá e tarde. Estes mercados promovidos pola Consellería do Medio Rural teñen un custo conxunto de medio millón de euros e están enmarcados dentro do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, a través do cal se promocionarán os distintos indicativos dos que goza a nosa comunidade. O evento “Artesanía, saber e sabor” servirá como piloto dun proxecto máis amplo que a Xunta impulsará en 2025 baixo o nome de Vilas Vivas, que terá continuidade nesta vila histórica. O propósito é darlle unha nova vida a baixos comerciais en desuso de diferentes cascos históricos para o desenvolvemento de eventos efémeros que atraian visitantes durante as fins de semana, ligando deste xeito comercio, gastronomía, turismo e cultura para ofrecer unha experiencia integral que impulse as cabeceiras de comarca.