Ribeiro en Común vén de presentar unha moción orientada a que a Corporación Municipal de Ribadavia traslade ao Concello a necesidade de mercar un solar no barrio de San Lázaro para destinalo á dotación de servizos públicos. O grupo de Ribeiro en Común lembra que leva advertindo hai anos sobre a falta de chan dispoñible municipal, e que “neste momento existe remanente e capacidade de finanzamento que non existía en anos anteriores”, grazas a que, no remate do anterior mandato púdose pechar un importante crédito bancario.
Por elo, Ribeiro en Común propón que o Concello adquira un solar urbanizable de case 4.500 metros cadrados, á venda neste intre, moi ben situado, tanto para destinalo a zona dotacional para acoller a futura residencia de maiores que a Xunta ten pendente en Ribadavia, como á promoción de vivenda pública da Xunta ou outros usos públicos. Consideran que o valor de partida é asumible por parte do Concello, sendo unha boa oportunidade para facerse con terreos públicos.
A parcela proposta, ubicada no barrio de San Lázaro e ao carón da estrada que comunica Ribadavia con Francelos, é meirande en tamaño cá que posúe o Concello no Campo da Feira, que é de 3.700 metros cadrados, e que o actual equipo municipal de goberno lle propuxo á Xunta de Galicia para ubicar a nova residencia de maiores, según apuntan dende Ribeiro en Común. Asemade, indican que o trámite de adaptación do PXOM para recalificar a parcela coma solo dotacional sería un trámite administrativo que se podería efectuar en poucos meses.