O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar unha solicitude dirixida á alcaldía do Carballiño na que solicita información relativa á tala prevista polo Concello de 40 árbores no Parque Municipal. Esta formación política xustifica esta petición, “dado o impacto ambiental, paisaxístico e social que dita actuación podería supoñer, e sendo coñecedores do deber das administracións públicas de garantir a xestión sustentable do patrimonio natural e da seguridade cidadá”.
Dende o BNG carballiñés consideran que o Parque Municipal “xa leva sufrido demasiados anos de abandono e maltrato por parte das últimas corporacións municipais, entorno que debería ser de uso e disfrute da veciñanza, de xeito seguro, debería ser obxecto de políticas que incentiven a súa posta en valor, e pasar a converterse nun polo de atracción turístico e de creación de riqueza”.
En consecuencia, solicitan da alcaldía que lles sexa facilitado un informe de “valoración dos riscos en materia de protección civil que motivasen a decisión de tala, no marco dun plan técnico de seguridade”, e outro informe, “elaborado polos especialistas que determinaron a necesidade da tala, indicando as causas concretas (enfermidade, risco de caída, etc.)”.
Asemade, dende a formación nacionalista desexan saber “das medidas alternativas estudadas (como podas, tratamentos fito sanitarios, suxeición mecánica ou outras) e xustificación da súa inviabilidade, no caso de existiren”. O BNG tamén pregunta polo “valor real de cada un dos individuos afectados, se é que foi calculado, incluíndo: a súa especie, a antigüidade, a súa singularidade, valor ecolóxico ornamental ou histórico”.
Finalmente, piden información do “nome da empresa contratada para a execución da tala, así como as datas previstas de actuación e os protocolos establecidos”.