

O senador do Grupo Popular por Ourense, Francisco Fernández, vén de denunciar “o escandaloso desinterese” do Goberno e a súa “continua falta de compromiso” coas infraestruturas da provincia. Así o explica tras defender unha moción do seu Grupo, que foi aprobada na Comisión de Despoboamento e Reto Demográfico, a pesar do voto en contra do PSOE, defendido polo ourensán Rodríguez Villarino, onde se deu luz verde a un paquete de medidas no ámbito das infraestruturas e o medio ambiente debido aos “innumerables incumprimentos” de Pedro Sánchez “con Galicia, e en especial con Ourense”.
Fernández refiríuse á “deplorable” situación das telecomunicacións, que volve demostrar a “falta de interese para evitar o despoboamento do rural”, xa que, segundo a prensa, máis de 2.000 fogares en Ourense están excluídos polas operadoras da internet. Por todo elo, o tamén alcalde de Leiro polo PP, puxo como exemplo de loita contra o despoboamento a medida acordada hoxe mércores no seu municipio, onde a xunta de goberno da Entidade Local Menor de Berán aprobou as bases para a adxudicación do balneario, grazas ao apoio do propio Concello, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. “Unha iniciativa que permitirá fixar poboación e atraer turismo”, explicou o rexedor.
Un acordo por parte do pleno da Entidade Local que non é do agrado da ‘Plataforma Berán sempre no Camiño’ e a AsociaciónCamiño Xacobeo Miñoto Ribeiro. Ao respecto, entenden que a aprobación, por parte dos tres vogais do goberno (dous do PP e un do PSOE), das bases que regulamentarán a adxudicación da explotación do balneario, “é unha falta absoluta de trasparencia, e, en consecuencia atenta contra os mínimos principios democráticos, cando dende o ocultismo, con nocturnidade e alevosía se acordan os condicionantes sen consultar nin contemplar os posibles dereitos ou contraprestacions que o pobo de Berán, como lexítimo propietario do recurso termal debe coñecer e estipular”.
Este acordo da Entidade de Berán será sometido o vindeiro venres á súa ratificación polo pleno da Corporación do Concello de Leiro, e, dende a Plataforma, consideran que “será de máximo interés coñecer se os concelleiros do grupo do PSOE en Leiro tamén corroboran este espaldarazo e forma de proceder por parte do seu vocal na Entidade Local Menor de Berán”.