O ex concelleiro do Carballiño, Manuel Sotelo Vila, nomeado secretario de Acción Sindical e Traballo do PSdeG-PSOE de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Ourense clausurou esta tarde o 5º Congreso Provincial no que Álvaro Vila Araújo, vencedor das últimas eleccións primarias, foi proclamado secretario xeral das e dos socialistas. Neste proceso congresual celebrado en Santa Cruz de Arrabaldo, participaron máis de 250 persoas entre delegadas, delegados, convidadas e convidados, cunha mesa presidida por Diego Alonso e no que tiñan dereito a voto 96 delegadas e delegados. As porcentaxes de aprobación dos órganos foron os seguintes: Executiva provincial, 94,37%; Comité provincial, 9437%; Comisión de ética, 94,29% e representante no comité federal, 94,37%.

Na Executiva provincial, un dos nomes elexidos foi o de Manuel Sotelo Vila, que fora concelleiro de Personal, Seguridade e Tráfico do Concello do Carballiño no mandato comprendido entre 2019 e 2023, e que ocupará durante os vindeiros catro anos a Secretaría de Acción Sindical e Traballo do PSdeG-PSOE de Ourense. Tamén figura no órgano de dirección provincial María Luz Roo Cabo, concelleira socialista do goberno municipal de Maside, e que se converte na responsable da Secretaría de Comercio e Emprendemento.

Asimesmo, o Congreso Provincial, celebrado hoxe en Santa Cruz de Arrabaldo, designou a composición do Comité de Ética, que baixo a presidencia de Lorena Guerra terá como vocal a tamén carballiñesa Guadalupe Sobrado Pérez, ex concelleira de Sanidade e Servizos Sociais no Concello do Carballiño entre os anos 2019 e 2023. Finalmente, en representación de Agrupación Local do Carballiño, estarán no Comité Provincial María Asunción Rivero Hermida, Ángeles Bernárdez Varela, Francisco Ortega Aguado e Manuel González Iglesias.

Durante a súa intervención na clausura do congreso, o novo secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, sinalou que “hoxe non comeza un camiño novo, senón un novo tramo dun percorrido que compartimos”. O novo líder das e dos socialistas ourensáns tamén apuntou a que “estamos aquí porque cremos na política como ferramenta para cambiar vidas, para construír unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis libre”.

Álvaro Vila expuxo durante a súa intervención que o primeiro compromiso que asume como secretario xeral “é o da unidade”, xa que segundo relatou “unidade non significa uniformidade, significa respecto entre compañeiras e compañeiros, significa sabes que hai un obxectivo común máis aló das diferencias, e ese obxectivo non é máis que saber que estamos para mellorar a vida da xente”. Asemade tamén destacou que “o PSdeG-PSOE de Ourense ten que ser un partido unido ao servizo da xente” e subliñou que “aquí non haberá siglas secundarias, nin divisións internas, aquí caben todas as sensibilidades e todas as voces, porque todas enriquecen este proxecto”.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou o papel do Partido Socialista como o único que defende “a posición da esquerda, porque as máximas da esquerda son a solidariedade e a igualdade, e quen non promove iso non é de esquerdas”. Por iso reclamou, de cara ás eleccións municipais, “candidaturas fortes de homes e mulleres con presenza no territorio” que venzan a un PP que vive nunha “confrontación permanente en España, e en Galicia con submisión ao que marca Feijoo desde Madrid”, e tamén a un “nacionalismo desfasado, un soberanismo populista que mira para Rusia dunha maneira e para Gaza de outra”, que pide un concerto económico que en nada beneficiaría a Galicia “e que di a todo que non”