A localidade de Castrelo de Miño acollerá o vindeiro domingo, 25 de maio, a que será a primeira edición da ‘Andaina da Anguía’, un percorrido cheo de paisaxes impresionantes, aire puro e boa compañía. As inscripcións anticipadas pódense facer ata mañá, mércores día 21, no número de conta que figura no cartaz, cun prezo de oito euros, aínda que tamén existe a posibilidade de anotarse o mesmo día da actividade a un prezo de 10 euros.
A recollida de dorsais por parte dos participantes poderase facer a partir das 10,00 horas no campo da festa de Barral, de onde sairá a andaina, que terá un percorrido circular cunha distancia de 10 quilómetros e de dificultade moderada, estimándose unha duración media de dúas horas e 30 minutos.
Ao longo do percorrido haberá puntos de avituallamento e, no momento da chegada tamén está prevista unha degustación de pinchos e varios sorteos entre os deportistas. Dende a Asociacion Festa da Anguía convidan a participar: “Vén coa túa familia, amizades ou coa túa mascota, e desfruta dun día en contacto coa natureza coñecendo a nosa fermosa contorna”.