https://www.facebook.com/share/v/19adJtqqPp
A localidade de Dacón, do municipio de Maside pero a máis achegada á vila do Arenteiro, celebra hoxe a xornada central das celebracions na honra da súa patrona, Santa Rita, coincidindo coa data da súa festividade. A banda de música ‘Xuntanza’ do Carballiño foi a encargada de animar esta mañá á veciñanza e visitantes cos seus pasarrúas e acompañar a procesión da santa polas rúas máis céntricas de Dacón, que foi presidida polo bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, antes da oficiar a misa solemne na igrexa parroquial de Amarante, actos que congregaron a centos de devotos chegados dende diferentes puntos da comarca.
Xa pola noite, as orquestras Miramar e Fuego interpretarán as súas pezas máis bailables na verbena popular, tal e como nos comentaban Rody, Narciso e Óscar, os integrantes da comisión organizadora, que convidaron á achegarse ata Dacón e así poder desfrutar dunhas espléndidas e divertidas xornadas festivas. Tamén lembraron que están a venta rifas ao prezo de 1€ para participar no sorteo dun premio de 500 euros.
Pero a festa terán continuidade mañá, venres, día 23, e será a charanga Bandiños Band quen de facer o pasarrúas, antes da misa solemne, prevista para as 12,30 horas, e que irá seguida dunha procesión. Os grupos Tania Veiras e Assia protagonizarán a derradeira verbena dos festexos e unha sesión pirotécnica dará por rematada a celebración por este ano.
Pero Dacón xa anticipou a pasada fin de semana o programa lúdico cunha serie de actividades deportivas organizadas pola comisión da Santa Rita. Entre elas, destacou, o sábado, a oitava edición da “Xuntanza de Clásicos”, que convocou a un total de 75 vehículos históricos chegados dende diferentes puntos da xeografía provincial e do resto de Galicia, e que tiveron a oportunidade de desfrutar dunha excelente xornada de confraternidade. E ao día seguinte, domingo, celebraron a tradicional ‘Festa do Cabalo’ con varias probas e exhibicións.