O alumnado do IES Chamoso Lamas presentará os seus traballos audiovisuais o vindeiro martes no Auditorio

O Auditorio Manuel María acollerá o vindeiro martes, 17 de xuño, unha sesión especial coa proxección das curtametraxes realizadas polo alumnado do IES Chamoso Lamas do Carballiño. A primeira delas, “Amores chamosos”, é unha curta de ficción realizada polos alumnos e alumnas de diferentes cursos da ESO da actividade extraescolar ‘Teatro+audiovisuais’, na que nos contan a súa particular (e peculiar) visión do amor, con historias  cruzadas de  encontros e desencontros. A súa duración é de 16 minutos, e os propios estudantes farán unha presentación teatralizada da mesma.

A segunda curtametraxe, “A chegada da luz ao Carballiño” é un documental de 20 minutos feito polos alumnos do ‘Proxecto Competencias de Cine’ de 4º da ESO, na que se reconstrúe a historia de como se producíu a finais do século XIX a electrificación da comarca do Carballiño. Para a súa realización contaron coa estreita colaboración do Centro de Estudos Chamoso Lamas, especialmente de Xosé Luis Sobrado, Francisco Fumega e Adolfo Otero, membros e investigadores deste colectivo, e que estarán presentes tamén para a presentación do filme e posterior coloquio. 

As proxeccións terán lugar no Auditorio a partir das 20,30 horas con entrada toralmente libre e gratuíta.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------