A Igrexa da Madalena acollerá, a partir do 5 de xullo, a exposición ‘Serenidade’, unha escolma de obras do recoñecido artista neozelandés Tony Lane. A inauguración terá lugar ese mesmo día ás 20:00 horas, e marcará o inicio dunha mostra que convida á contemplación pausada e ao diálogo entre o sagrado e o cotián.
Tony Lane (Katikati, 1949) é unha das voces máis singulares da arte contemporánea de Nova Celandia. Cunha traxectoria internacional que inclúe exposicións en Nova York, Londres, Barcelona, Sevilla, Gstaad ou Hong Kong, a súa obra inspírase nas tradicións artísticas do pasado: desde os retablos bizantinos e frescos italianos ata as naturezas mortas españolas do século XVII ou as paisaxes do primeiro Renacemento, en diálogo con referentes modernos como Colin McCahon.
As súas pezas, realizadas con técnicas tradicionais sobre paneis encalados e encerados, combinan motivos relixiosos e obxectos cotiáns nunha linguaxe simbólica que formula preguntas sobre a divinidade, a natureza e o sobrenatural. Enmarcadas en pesados marcos dourados, as obras de Lane crean unha atmosfera de introspección e misterio. Como afirmou o crítico Mark Amery sobre a súa exposición Metafísica Práctica na City Gallery de Wellington: «Lane xoga coa posta en escena teatral da devoción, coma se nos revelase os segredos da maxia mentres acendía fogos artificiais para a mente».
A exposición poderá visitarse o 6 de xullo de 10,30 a 13,30 e de 18,00 a 21,00 horas, e, do 7 ao 13 de xullo, de 18,00 a 20,00 horas. A mostra estará pechada do 14 ao 27 de xullo pola celebración da Mostra Internacional de Teatro (MIT), e voltará a abrir do 28 de xullo ao 8 de agosto de 11,00 a 13,00 e de 18,30 a 20,30 horas.
Con máis de 100 exposicións individuais ás costas e obra presente nas principais coleccións públicas de Nova Celandia —incluíndo o Te Papa Tongarewa, a Auckland Art Gallery ou a Govett-Brewster Art Gallery—, Tony Lane continúa explorando o poder simbólico da imaxe nunha obra profunda, silenciosa e luminosa.