Unha exposición mostra as réplicas do tríscele e a cruz embolada achadas no Castro de San Vicenzo de Avión

A Casa do Concello de Avión acolle unha exposición permanente dos elementos arqueolóxicos atopados no 2024 durante a primeira fase de excavacións do Castro de San Vicenzo, que tiveron continuidade no presente ano e que  foron promovidas pola asociación cultural ‘Vive Avión’ e a comunidade de montes de San Xusto, co apoio económico da Xunta de Galicia e o propio Concello.

Trátase das réplicas dun tríscele e dunha cruz embolada, que foron descubertos na campaña de investigación desenvolta do pasado ano, e que sitúan este xacemento entre os séculos IV e III a.C. e o século I d.C., según as estimacións do equipo que dirixe o arqueólogo Jorge Lamas. Dende Vive Avión e a comunidade de San Xusto convidan “a calquera persoa ou institución interesada en adquirir unha réplica, que contacte con calquera de nós para proporcionarlle a información necesaria”.

A segunda quenda de excavacions no Castro de San Vicenzo de Avión remataba a finais do mes de abril deste ano tras dúas semanas de traballos realizados por un equipo dirixido polo arqueólogo Jorge Lamas, e que estiveron centrados na consolidación e a restauración da segunda cabaña circular descuberta na primeira fase, que se desenvolvera en 2024. As características desta segunda vivenda castrexa son semellantes ás da primeira excavada na campaña de 2024, cun diámetro aproximado de 5,50 metros aínda que os seus muros resultaron un chisco más estreitos.

Os traballos desta segunda fase deixaron ao descuberto pezas de cerámica que non apareceran antes, se ben o ano pasado o equipo de técnicos conseguira o achádego da lousa cun tríscele gravado e tamén a cruz embolada, únicas nos centros castrexos das comarcas do Carballiño e O Ribeiro e as primeiras rexistradas en Galicia.

A iniciativa destas excavacions partíu da asociación cultural ‘Vive Avión’ e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de San Xusto, coa colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e o Concello de Avión. Un asentamento castrexo dunha extensión de 4 hectáreas e que se atopa a unha altitude de 615 metros, dominando unha ampla panorámica montañosa onde se poden ollar os cumes das serras do Testeiro e do Suído.

As previsións apuntan a que este 2025 voltará a ser un bó ano para darlle continuidade ás prospeccións no Castro de San Vicenzo, “xa que, tanto pola parte da nosa asociación e da comunidade de montes como por parte do Concello de Avión e a Xunta, estamos a traballar en novas actuacións”, avanza o presidente dos colectivos promotores, Amancio Bruquet.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------