Pazos de Arenteiro revive a súa historia o vindeiro sábado con “1809. A Batalla”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O vindeiro sábado, 12 de xullo, a localidade de Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, volverá ao pasado para conmemorar un episodio clave da historia galega e europea coa recreación histórica “1809. A Batalla”, única na provincia de Ourense, e das poucas que hai en Galicia. Na presentación do cartaz e do programa do evento participaron hoxe o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, César Fernández, e a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, que deron conta das principais actividades e novidades para esta edición.

A recreación lembra a épica loita do 2 de marzo de 1809, cando uns 300 galegos, liderados polo capitán Cachamuíña, se enfrontaron a máis dun milleiro de soldados do exército napoleónico baixo os arcos da Ponte da Cruz, convertendo ao Ribeiro nun escenario clave da resistencia galega no contexto europeo.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

César Fernández salientou que esta festa histórica se consolidou coma un referente cultural na provincia de Ourense, celebrándose nun marco incomparable, tanto a nivel natural como patrimonial, xa que Pazos de Arenteiro está declarado conxunto histórico-artístico. Pola súa banda, Patricia Torres puxo en valor o realismo e a calidade escénica da recreación, onde a pólvora é unha das protagonistas. Tamén destacou o traballo dos voluntarios, que levan semanas preparando o evento, e animou á cidadanía a achegarse para gozar da festa.

Durante toda a xornada do sábado, o público poderá desfrutar dun completo programa de actividades que mesturan historia, teatro, música, artesanía e gastronomía. A festa comezará ás 11,00 horas coa apertura do campamento francés, e incluirá representacións teatrais de feitos históricos como ‘O pan é do pobo’, O fusilamento de Don Xosé’ ou ‘O enfrontamento de Dona Hipólita‘. Tamén haberá grandes recreacións como ‘A entrada do exército francés’, A arenga de Xoana‘ e ‘A gran batalla final: A Ponte da Cruz’.

A programación inclúe ademais unha feira de artesanía, un espazo gastronómico aberto ao público, unha zona infantil con xogos tradicionais e actuacións musicais coa animación de Feitizo de Pau e o concerto de pecha a cargo do grupo Zurrumalla ás 21,30 horas.

Organizado polo Concello de Boborás coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e Artesanía de Galicia, este evento busca poñer en valor o patrimonio histórico e cultural da zona, así como dinamizar o turismo e a economía local.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------