O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe venres, 18 de xullo, o inicio da fase de información pública de Mina Doade. Avánzase así na tramitación do proxecto de minería subterránea de extracción de minerais de litio e feldespatos no municipio de Beariz, declarado estratéxico pola Unión Europea. Recursos Minerais de Galicia, S.A., promotora de Mina Doade, presentou en xaneiro a solicitude de concesión de explotación ante a Consellería de Economía e Industria. Esta administración é o órgano que está a avaliar o proxecto, lidera a tramitación con outras administracións e articula todos os mecanismos regrados de audiencia e información pública. Agora, tras un proceso de avaliación interna por técnicos de distintas administracións, os cidadáns teñen a oportunidade de participar coas súas achegas para seguir mellorando esta iniciativa empresarial.
Os documentos sometidos a exposición pública agora son o Proxecto de Explotación, que describe como levará a cabo a actividade mineira, explicando o método extractivo, entre outras cousas, e acreditando que o proxecto cumpre coa lexislación vixente en todos os ámbitos. A extensión limitarase a 17 cuadrículas mineiras. Tamén se inclúe o Proxecto de Planta de Concentración, que describe as instalacións industriais de superficie e un plan integral de gestón das augas que inclúe unha planta de tratamento, e o Plan de Restauración, que especifica, con garantías financeiras, como os terreos volverán ao seu uso orixinal de explotación forestal unha vez terminada a explotación, e o Estudo de Impacto Ambiental (EIA), que compila os traballos realizados para identificar e avaliar os impactos ambientais do proxecto mineiro; propón medidas correctoras de impactos negativos e para potenciar os efectos positivos.
Ademais, entre os documentos tamén está incorporado un Plan de Vixilancia Ambiental, que establece o seguimento de medidas correctivas e preventivas. Anexo a este documento, Mina Doade presenta un Estudo de Impacto Económico e Social, resultante do proxecto inicial de participación e comunicación cidadá promovido pola empresa, e cumpre un requisito da Lei de Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia (Lei 02/2024). Finalmente, atópase o Informe de viabilidade que acredita o cumprimento dos requisitos esixidos en canto a solvencia económica e técnica.
O proxecto mineiro contempla a explotación dunha mina subterránea e a construción dunha planta de beneficio de minerais de litio para o sector das baterías e feldespatos para a industria cerámica en Doade, sendo a roca obxectivo desta mina a pegmatita, rica en minerais de litio e feldespatos. Mina Doade é un proxecto impulsado por Recursos Minerais de Galicia, S.A., filial do Grupo SAMCA, un grupo empresarial multisectorial español, cuxas actividades se centran nos sectores de minería, enerxías renovables, polímeros plásticos, fibras sintéticas, agroalimentaria, promoción inmobiliaria, agroquímica e infraestruturas loxísticas.