“As casas niño son unha gran solución para territorios rurais e con pouca poboación que, polas súas características, non teñen suficiente demanda para dispor dunha escola infantil, pero si poden ofrecer deste xeito un servizo fundamental para formar e atender os cativos nos seus primeiros anos de vida, favorecendo ademais a súa interacción social e apertura ao mundo, e permitir ao mesmo tempo que traballen os seus pais e nais”; así o manifestou esta mañá o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, na súa visita desta mañá á casa niño ‘Xoaniña’ de Castrelo de Miño.
O delegado territorial, acompañado do alcalde, Avelino Pazos, destacou os preto de 5 millóns de euros que a Xunta de Galicia vai destinar ata o ano 2028 ás 51 casas niño da provincia de Ourense; “unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia para que nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia; unha mostra máis que garante a presenza e o futuro dun servizo esencial”.
Neste sentido, apuntou que o Goberno galego aposta por estes recursos que nacían no ano 2016 coa intención de fomentar a igualdade de oportunidades entre territorios e entre as familias que viven nunha cidade e as que viven no rural.
Ademais de garantir a atención personalizada e gratuíta a nenos ata os 3 anos de idade, estas axudas tamén se poden destinar á reposición do equipamento cunha achega adicional de 1.500 euros, así como do material didáctico e de xogos; e a obras de reforma, mantemento ou eficiencia enerxética.