Un incendio declarado na noite de onte no municipio de San Cristovo de Cea foi extinguido de xeito áxil polos equipos de bombeiros forestais. O lume foi detectado ao fío das 22,15 horas na contorna da estrada que comunica as localidades de Ardesende e Covas, na parroquia de Santa María de Covas.
Dúas chamadas realizadas por veciños da zona ao teléfono 085 alertando da situación foron decisivas para a rápida chegada dos servizos de extinción, que lograron atallar o lume nun espazo de tempo inferior a unha hora, a pesares de que o vento facilitaba a súa propagación.
Dende o Concello de Cea, que apuntan que este incendio podería ser provocado, salientan que os avisos veciñais efectuados no intre de comezar o lume foron fundamentais para conquerir a súa extinción e, por elo, insisten en que a cidadanía dé a voz de alerta en caso de ver calquera brote de incendio chamando aos teléfonos 085 ou 112.
As autoridades municipais engaden que se mantén a situación xeral de emerxencia e que é preciso extremar as precaucións. Neste sentido, o Concello reforzou a vixiancia dos montes a cargo dos integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, levando a cabo roldas de control tanto con vehículos coma con drons.