A ruta gastronómica de Cea deixou bó sabor de boca aos clientes dos locais participantes

A localidade de San Cristovo de Cea acolleu o pasado sábado a segunda edición da ‘Ruta das Estacións’, unha aposta dos hostaleiros pola promoción gastronómica, comercial e turística do municipio panadeiro. Foron cinco os locais acollidos a esta iniciativa: A Casa dos Caretas, Sol y Luna, Bar Plaza, Bar Paxariño e Kanela Drink. Crema de melón con virutas de xamón; arepas de Venezuela recheas con carne asada de Galicia; empanadillas de polo ou de carne con pementos do piquillo; garabanzos con mexilón da ría e pan de Cea e calamares rebozados fritos con salsa alioli, foron as respectivas propostas de tapas estivais dos establecementos.

A cita tivo lugar ás 19,00 horas e prolongouse ata as 21,30 horas, e os clientes, ao pedir unha consumición, terán a oportunidade de degustar, polo módico prezo de 1,5 euros, dun petisco vencellado a esta época de verán. Os hostaleiros salientan os bós resultados dunha iniciativa que consideran beneficiosa para a promoción gastronómica e turística da localidade.

A primeira edición deste evento celebrouse o pasado 22 de febreiro, coincidindo co inverno, e rsultou todo un éxito. Nesa ocasión, nos locais de hostalería ofrecéranse petiscos de lacón con grelos; arepitas con revolto de zorza; tosta de cecina con aceite e allo; orella de porco á galega e croquetóns de cocido.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------