O BNG de Celanova propón un Plan Municipal de Accesibilidade e a creación dun Consello Local de Accesibilidade

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Celanova precisa ser un concello inclusivo e accesíbel, no que todas as persoas poidan exercer os seus dereitos en igualdade”, afirma a portavoz municipal do BNG, Ernesta Seoane.

Celanova, 2 de setembro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego presentará no vindeiro pleno de Celanova unha moción para mellorar a accesibilidade nos edificios e espazos de responsabilidade municipal. A iniciativa, defendida pola portavoz municipal, Ernesta Seoane, busca garantir que toda a veciñanza, con independencia das súas capacidades, poida acceder aos servizos públicos en condicións de igualdade.

A proposta do BNG contempla a elaboración dun Plan Municipal de Accesibilidadeplurianual, a adaptación progresiva dos edificios e instalacións municipais, a mellora da mobilidade peonil, a adaptación de espazos de lecer e parques infantís, así como a creación dun Consello Local de Accesibilidade que coordine e impulse as medidas nesta materia coa participación da cidadanía e dos colectivos afectados.

En concreto, o BNG defende que este plan recolla accións como a mellora progresiva da accesibilidade nos edificios públicos e instalacións municipais, a adaptación das rúas e beirarrúas para facilitar a mobilidade peonil, a incorporación da normativa de accesibilidade nas licenzas municipais para os novos establecementos de pública concorrencia, e a posta ao día de edificios baixo tutela municipal como a casa do concello, os centros culturais ou de lecer, dotándoos de sistemas de lectura en braille, linguaxe de signos, rampas ou elevadores. Do mesmo xeito, proponse a adaptación gradual de áreas de xogo e parques infantís para que poidan ser utilizados en igualdade de condicións por todos os nenos e nenas, así como a creación dun Consello Local de Accesibilidade que funcione como espazo de coordinación institucional e de participación cidadá, integrando tanto representación municipal como dos principais colectivos beneficiarios.

Seoane destacou que “a accesibilidade non se limita a eliminar barreiras arquitectónicas, senón que abrangue tamén medidas concretas para garantir que todas as persoas, con diversidade funcional intelectual, cognitiva, visual ou doutro tipo, formen parte da sociedade en igualdade de condicións”.

A voceira nacionalista puxo como exemplo a propia casa do concello de Celanova, onde o acceso ao rexistro e aos servizos administrativos é “na práctica inaccesíbel para persoas con problemas de mobilidade, persoas maiores ou con discapacidade física, por carecer de instalacións adaptadas”.

“A nosa proposta busca que Celanova dea un paso decidido cara a un modelo de municipio inclusivo, digno e con equidade, no que ninguén quede atrás por falta de accesibilidade”, concluíu Seoane.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------