O Gran Balneario do Carballiño acolleu a clausura do ‘XXIV Curso de Termalismo’ que organiza a Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Vigo coa colaboración do Instituto de Estudios Carballiñeses (IEC), a Deputación de Ourense e o propio Concello carballiñés. No acto estiveron presentes o concelleiro de Turismo do Carballiño, Manuel Dacal; o vicerrector do Campus de Ourense da UVigo, Javier Rodríguez, e o director do IEC, Avelino Muleiro.
Un total de 30 alumnas e alumnos de diferentes puntos de Galicia e tamén de localidades de Colombia participaron estas tradicionais xornadas de extensión universitaria, que se desenvolveron dende o pasado 30 de agosto baixo o epígrafe “Descubrindo Extremadura, Portugal e Galicia”. As e os cursillistas asistiron a varias ponencias e visitaron os balnearios de Montemayor, Alange e El Raposo; As Termas de Unhais da Serra de Chaves, e, finalmente os balnearios de Laias e O Carballiño.
O curso está impulsado por unha destacada colaboración institucional e académica, coa Universidade de Vigo e a Cátedra de Hidroloxía Médica como eixos centrais. Conta ademais co apoio da Xunta de Galicia a través do seu programa “Balnearios de Galicia”, e da Junta de Extremadura e a Deputación de Badaxoz. Da parte portuguesa, participa o Instituto Politécnico de Bragança, sumando así un valor transfronteirizo crucial ao programa.
A iniciativa tamén conta coa colaboración de AQUA VALOR, agrupación industrial da auga de Galicia, o que garante un enfoque que combina o coñecemento tradicional coa innovación e a valorización do recurso hídrico-termal.