A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, informou hoxe en Beade das actuacións previstas para alimentar a fauna silvestre que se viu afectada polos incendios forestais do verán e que suporán o reparto de 34.000 quilogramos de palla e cereais.
Segundo explicou a conselleira, porase en marcha un dispositivo por aire e terra para distribuír 31.000 quilogramos de palla e 3.000 quilogramos de cereais naquelas áreas nas que os animais puidesen resgardarse ao conservar vexetación. En concreto, trataríase de masas de frondosas autóctonas presentes en valgadas e ladeiras de orientación norte.
Dado que moitas destas illas de vexetación son de difícil acceso por terra, parte do reparto de alimento se fará con medios aéreos. Neste caso, distribuiranse 24.000 quilos de palla en pacas, que incluirán pedras de sal para complementar as necesidades dos animais afectados. A maiores, outros 7.000 quilogramos de palla, así como 3.000 quilos de distintos cereais, se repartirán manualmente por terra en pacas de menor tamaño.
O obxectivo, tal e como subliñou Ángeles Vázquez, é garantir unha fonte alimenticia de cara ao outono para as poboacións de herbívoros (principalmente grandes ungulados) e aves, aínda que está demostrado que outras especies, como as lebres, tamén as aproveitan.
Estas primeiras actuacións, que poderían ampliarse en caso de ser necesario, levaranse a cabo (ademais de Beade) en Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, A Mezquita, Oímbra, Avión, Maceda e Vilardevós.