O pavillón polideportivo de Boborás veu acondicionadas as súas dependencias interiores, cun ivnestimento de case 165.650 euros por parte da Dirección Xeral de Administración Local, repercutindo nunha mellora do servizo para os seus usuarios e nun aforro na factura da luz para o propio Concello. As instalacións recibiron esta mañá a visita de Natalia Prieto, responsable deste departamento da Xunta de Galicia, que estivo acompañada polo delegado territorial do Goberno autonómico en Ourense, Manuel Pardo; a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, e o director das obras, César Padrón.
Patricia Torres lembrou que a construcción deste centro deportivo data do ano 1989 e nunca se acometeran no mesmo este tipo de traballos para a mellora da eficiencia enerxética e o acondicionamento dos vestiarios, tanto a nivel de infraestructuras de fontanería e electricidade como de pavimentado e alicatado, e dun local anexo que será adicado ao desenvolvemento de actividades deportivas de ximnasia e danza aeróbica, entre outras. Unhas novas instalacións que, en definitiva, benefician á veciñanza de Boborás e, en xeral, a todas aquelas persoas da comarca que acuden ao pavillón.
Natalia Prieto explicou que a través do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local búscase atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia.
A directora xeral tamén lembrou que a Orde de axudas para melloras de eficiencia enerxética contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027. Búscase, a través dela, facilitarlles aos concellos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais.
Os traballos centráronse na zona dos vestiarios co obxectivo de minimizar os consumos enerxéticos tanto de calor como de electricidade. Para iso actuouse sobre o sistema de xeración de auga quente coa renovación total da canalización de abastecemento e a instalación dunha bomba de calor de aerotermia, un termo de apoio e dun depósito para garantir o volume e a temperatura constante.
As obras contaron cunha achega total de case 165.650 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) de 2024, destinado a concellos de menos de 15.000 habitantes e dotado con 5 millóns de euros, e da Orde plurianual (2025-2026) de subvencións para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas municipais, tamén dotada con 5 millóns de euros e cofinanciadas nun 60% con fondos Feder.