As corais de Bandeira, Mesón Frío e Casino do Carballiño protagonizan o Festival Galaico-Portugués de Polifonía

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A tradicional cita internacional do canto coral chega ao Carballiño este vindeiro sábado, 27 de setembro, da man da Coral Polifónica Casino do Carballiño. Xa son 42 as edicións do ‘Festival Galaico-Portugués de Polfonía e Canto Coral’, que hoxe foi presentado na Casa do Concello, coa presenza de Diego Fernández, concelleiro de Cultura; Jaime González Pichel e José Antonio Barge Gil, director e secretario da agrupación musical, acompañados por outros integrantes da directiva da entidade organizadora.. O acto contou cunha pequena actuación da flautista Paz González e do pianista Luis Rodríguez, que interpretaron dúas pezas.

As corais de Bandeira (Silleda); Mesón Encanto, de Mesón Frío (Vila-Real, Portugal) e a anfitriona Casino do Carballiño serán as protagonistas desta festa de sons, que terá lugar este sábado no Auditorio Manual María da vila do Arenteiro a partir das 20,00 horas.

Diego Fernández salientou o carácter internacional deste evento e convidou a toda a cidadanía a escoitar ás tres agrupacións “e aproveitar para visitar as 17 exposicións do Arenteiro Fotográfico alí instaladas”. Pola súa banda, Barge Gil lembrou a traxectoria iniciada pola Coral carballiñesa en 1983 “dun evento que cobrou unha gran importancia tanto para O Carballiño como referente coma para a propia Coral”.

Jaime González adiantou que o repertorio da súa agrupación estaría dividido en dúas partes diferenciadas, ‘Iacobus’, referente ao Camiño Xacobeo como elemento que “realza os valores culturais e musicais de Galicia”, e “Panxea”, representando á música como nexo de unión de tódolos pobos do mundo.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------