Grupos folclóricos galegos participan este sábado na ‘III Bullada de Outono’ do Irixo

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Irixo acollerá este vindeiro sábado, 4 de outubro, a ‘III Bullada de Outono’ no pavillón polideportivo municipal. Un evento de música e baile tradicional organizado pola Banda de Gaitas e Danzas O Irixo e a Asociación de Gaiteiros do Irixo, que recuperará as bulladas que se celebraban antano, denominación popular que recibían as foliadas na zona de O Irixo. A agrupación convida a celebrar a chegada do outono con cantos, bailes e brincadeiras, nun serán que promete mezclar músicas e ritmos de artistas da contorna e cidades próximas.

O evento comezará ás 18,00 h cun obradoiro de baile tradicional impartido por Ismael Rodríguez. Ás 19,00 h dará inicio a foliada de grupos invitados, coa participación xa confirmada de ‘As Faíscas’ (Boborás), ‘Os Trasnos’ de Doade (Lalín), a banda de gaitas ‘A Carballeira’ (Ourense), o grupo de pandereteiras ‘A Xariza’ de Parada (Silleda), ‘Os Caramuxos’ da asociación cultural folclórica O Fiadeiro (Vigo) e ‘Os Dezas’ de Moneixas (Lalín).

Ao remate haberá unha foliada libre, aberta ao público asistente. Durante o transcurso da bullada, sucederanse numerosos sorteos con premios variados para os cales xa se poden adquirir rifas. Contarán con postos de venta de comida e bebida, con opcións frías e quentes como chocolate, para facer fronte ó frío da outonía. 

Como nova iniciativa nesta terceira edición da foliada, a organización cederá espazos a outras asociacións, organizacións ou produtores locais, para posicionar as súas marcas e dar visibilidade á diversidade cultural e deportiva do concello, contribuíndo deste xeito á promoción e difusión do asociacionismo e consumo no mercado local. 

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------