O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, recolleu en representación dos nove concellos do Ribeiro o Premio “Concello Solidario” que outorga a asociación ANASBABI a nivel estatal. A entrega celebrouse en Chera, Valencia, e recoñece o compromiso conxunto de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro e Ribadavia na organización da iniciativa solidaria “Vides con Alma”, destinada a recadar fondos para a investigación de enfermidades raras.
Durante a súa intervención, o rexedor destacou que este galardón non pertence a un só concello, senón que representa “a voz emocionada de toda unha comarca: O Ribeiro”. Subliñou tamén que a unión dos nove municipios naceu dun compromiso compartido: “cando se trata de coidar, non hai fronteiras, nin cores, nin competencias; só humanidade”.

A través do proxecto “Vides con Alma”, que se celebrou o pasado xuño, tivo como anfitrión nesta primeira edición ao concello de Cenlle e coa intención que cada ano se organice nun concello distinto, os concellos do Ribeiro deron visibilidade á realidade das familias afectadas por enfermidades raras e contribuíron á recadación de fondos para apoiar a súa loita diaria. “Deixas de ver estatísticas e comezas a ver miradas; deixas de pensar en proxectos e comezas a pensar en persoas”, sinalou Avelino Pazos.
Desde ANASBABI quixeron recoñecer non só a acción solidaria, senón tamén a capacidade de mobilización e a resposta social xerada na comarca. “A solidariedade, cando é de verdade, contáxiase… e oxalá se contaxie moito”, expresou o alcalde na súa emotiva intervención.
A segunda edición de Vides con Alma celebrarase o vindeiro ano no concello de Toén, e a organización xa está traballando para volver converter o Ribeiro nun exemplo de unión, sensibilidade e compromiso social.
“Este recoñecemento é un espello que reflicte o mellor da nosa terra. Unha terra que si, fai un gran viño… pero que, sobre todo, fai comunidade e o fai con alma”.