A ‘III Bullada de Outono’ non defraudou ás persoas que asistiron na tarde do sábado a esta celebración folclórica no pavillón polideportivo municipal do Irixo. Un evento de música e baile tradicional organizado pola Banda de Gaitas e Danzas O Irixo e a Asociación de Gaiteiros do Irixo, que recupera as “bulladas” que se celebraban antano, denominación popular que recibían as foliadas na contorna deste municipio. Unha exaltación da chegada do outono con cantos, bailes e brincadeiras nun serán con moito ritmo, ofrecido por artistas da contorna e cidades próximas.
O evento comezou ás 18,00 h cun obradoiro de baile tradicional impartido por Ismael Rodríguez. Ás 19,00 h iniciouse a foliada dos grupos convidados, coa participación de, entre outras, as agrupacións ‘As Faíscas’ (Boborás), ‘Os Trasnos’ de Doade (Lalín), a banda de gaitas ‘A Carballeira’ (Ourense), o grupo de pandereteiras ‘A Xariza’ de Parada (Silleda), ‘Os Caramuxos’ da asociación cultural folclórica O Fiadeiro (Vigo) e ‘Os Dezas’ de Moneixas (Lalín), ademais da anfitriona, a Banda de Gaitas e Danzas do Irixo.
Ao remate desta sesión tamén houbo unha foliada libre, aberta ao público asistente. Durante o transcurso da bullada, realizáronse numerosos sorteos con premios variados e no pavillón houbo con postos de venta de comida e bebida, con opcións frías e quentes como chocolate, para facer fronte ó frío da outonía.
Nesta terceira edición da foliada, a organización tivo a iniciativa de ceder espazos a outras asociacións, organizacións ou produtores locais, para posicionar as súas marcas e dar visibilidade á diversidade cultural e deportiva do concello, contribuíndo deste xeito á promoción e difusión do asociacionismo e consumo no mercado local.