Marcos Blanco “É inadmisíbel que se censure un acto cultural e aberto sobre Castelao mentres noutras ocasións se permitiron eventos políticos doutras formacións”
Amoeiro, 13 de outubro de 2025. O responsábel local do BNG de Amoeiro, Marcos Blanco, e o militante nacionalista Agustín Gómez compareceron en rolda de prensa para denunciar o boicot sufrido a un acto de homenaxe a Castelao, que estaba previsto celebrarse na Casa-Museo Otero Pedrayo en Trasalba, despois de que a fundación que xestiona o espazo revogase a autorización a menos de 72 horas da data prevista.
Desde o BNG, tras o sucedido, reclaman explicacións tanto á Fundación Otero Pedrayo como ás institucións que forman parte do seu padroado, a Deputación de Ourense e o Concello de Amoeiro, por considerar que o acontecido supón “un grave precedente de censura política e falta de pluralidade neste espazo”.
Segundo explicou Marcos Blanco, o BNG solicitara autorización para o acto xa no mes de maio, recibindo daquela confirmación expresa por escrito na que se explicitaba unha autorización por parte da xunta directiva na que se indicaba expresamente que “os membros da xunta directiva da Fundación Otero Pedrayo confirman que podedes empregar o espazo sen ningún tipo de problema”. “Durante meses mantivemos comunicación fluída e cordial co persoal da fundación, que mesmo valorou positivamente a iniciativa”, relatou. “Por iso nos sorprendeu recibir, a só dous días do evento, unha chamada telefónica dicindo que non se podía facer porque era un acto dun partido político.”
Blanco cualificou de “incoherente e discriminatorio” o argumento dado pola fundación, lembrando que en abril de 2017 a organización xuvenil do PP, Novas Xeracións, realizou nese mesmo lugar un acto de homenaxe a Otero Pedrayo. “Non entendemos que o que foi válido para uns agora se prohiba para outros. É unha decisión arbitraria e contraria ao espírito aberto e plural que sempre caracterizou a Casa Otero Pedrayo”, subliñou.
Pola súa banda, Agustín Gómez insistiu en que o evento non tiña un carácter partidario senón divulgativo e cultural, centrado na relación histórica entre Castelao e Otero Pedrayo e no legado político e intelectual de ambos. “Non se trataba dun mitin nin dunha campaña electoral, senón dun acto de recoñecemento e reflexión sobre dúas figuras fundamentais da Galiza contemporánea”, explicou.
O responsable local do BNG engadiu que a decisión de prohibir o acto provocou unha situación de enorme incomodidade e improvisación, xa que foi necesario buscar un novo espazo en tempo récord. Finalmente, o encontro puido celebrarse coa colaboración da Asociación Veciñal de Bóveda, “que amosou unha solidariedade exemplar e fixo posible que a homenaxe se desenvolvese con relativa normalidade”.
Dende o BNG de Amoeiro reclaman agora transparencia e responsabilidades: “Queremos saber se a decisión foi tomada pola dirección da fundación ou se houbo presións políticas doutras instancias. É inaceptábel que unha entidade da que participan entidades públicas e que leva o nome de Otero Pedrayo se preste a prácticas censoras”, afirmou Blanco.
“Otero e Castelao representaron o mellor do pensamento galego: liberdade, compromiso e defensa do país. Censurar un acto que reivindica esas ideas é, ademais dunha falta de respecto, unha contradición absoluta co legado que se di preservar”, engadiu.
A residencia de maiores: casa comunitaria de Cerval
Na mesma rolda de prensa, o BNG abordou tamén a situación da Casa Comunitaria de Cerval, tras coñecerse o peche do centro por deficiencias graves nas condicións de atención ás persoas residentes.
Segundo explicou Agustín Gómez, “os problemas foron denunciados por unha das traballadoras que advertira das graves deficiencias ao concello e posteriormente foi notificado a policía que deu lugar á inspección e posterior peche.” O BNG esixe que o Goberno local faga pública toda a información sobre o proceso de inspección e as medidas adoptou tras ser coñecedor da denucia da traballadora.