Os veciños de Becoña de Abaixo aclaran a situación do subministro de auga e agradecen o apoio do Concello de Boborás

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Becoña de Abaixo (Boborás), 13 de outubro de 2025.

Os veciños de Becoña de Abaixo queremos aclarar publicamente a situación relacionada cos cortes de auga que vimos sufrindo durante os meses de verán, unha circunstancia que se repite dende hai anos e que se debe ao progresivo empobrecemento das fontes que abastecen o noso pobo.

Somos conscientes da preocupación que esta situación xera, tanto nos medios de comunicación como entre quen non reside aquí, mais desexamos deixar constancia dalgúns feitos que consideramos importantes:
1. A traída de augas, as fontes, o depósito e a canalización actuais foron construídos e financiados no seu día polos nosos devanceiros. O seu mantemento e xestión estiveron sempre en mans do vecindario, que soubo resolver os problemas de subministro cos seus propios medios.
2. O Concello de Boborás, dende o primeiro momento, amosou a súa disposición a colaborar e a asumir a xestión do subministro se así o desexabamos. Porén, a inmensa maioría do pobo —aproximadamente o 98% dos veciños— manifestamos a nosa vontade de manter a xestión veciñal, tal e como foi tradicionalmente.
3. Agradecemos sinceramente a boa predisposición, o apoio e o respecto do Concello cara á decisión veciñal, así como o seu ofrecemento constante de axuda técnica e loxística nas actuacións que estamos a levar a cabo.

Na actualidade, os veciños de Becoña de Abaixo estamos a impulsar unha nova perforación nunha zona onde se intúe a existencia dun manancial con maior caudal, o que agardamos permita solucionar o problema estrutural de abastecemento no futuro.

Queremos tamén desvincular ao Concello de toda responsabilidade nesta situación, pois trátase dunha xestión estritamente veciñal.

Finalmente, lamentamos que se xerara unha imaxe distorsionada da nosa realidade a raíz de declaracións ou publicacións individuais que non reflicten o sentir maioritario do pobo. Becoña de Abaixo é unha comunidade unida, respectuosa e colaborativa, que traballa con espírito construtivo para resolver as súas dificultades, sen buscar confrontacións nin notoriedade mediática.

Os veciños de Becoña de Abaixo

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------