III FOLK HORROR FESTIVAL – ALDEA VELLA
Sábado, 8 de novembro | Centro Cultural A Granxa (Astariz, Castrelo de Miño)
A Asociación Cultural Aldea Vella organiza o vindeiro sábado 8 de novembro a terceira edición do Folk Horror Festival, un evento singular que mestura cinema, música, tradición e misterio no Centro Cultural A Granxa de Astariz.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



O Festival Internacional de Curtametraxes de Folk Terror, proxectará o Bloque 1 ás 17:30 h e o Bloque 2 ás 20:00 h, con entrada libre ata completar aforo. Entre ambos bloques, ás 19:15 h, o noso patrocinador Adegas Celme ofrecerá unha cata de viños teatralizada na súa adega (actividade opcional con inscrición previa, prezo: 10 €).
A xornada pecharase ás 22:00 h cun concerto gratuíto de folk rock do grupo ourensán Os Guezos, que porá o punto final festivo a unha noite dedicada ao terror e ás tradicións rurais. Durante todo o evento haberá servizo de bar e petiscos para acompañar a velada.
Este festival insírese no labor continuado de Aldea Vella Asociación Cultural, que ao longo deste mes de outubro realiza diversas actividades, como unha mesa redonda co etnógrafo Xosé Anxo Rosales e o xornalista Carlos Gabriel Fernández, ambos bos coñecedores das lendas e mitos galegos arredor do mundo dos defuntos. A asociación tamén colabora coas Casas do Maior, Casa Nido e o CEIP Astariz, con iniciativas de recollida de lendas e actividades creativas coa infancia, reforzando o seu compromiso coa comunidade e coa posta en valor da cultura popular galega.
Ademais, Aldea Vella leva tempo desenvolvendo actividades de difusión do patrimonio histórico, así como xornadas de recuperación das tradicións como o Entroido ou obradoiros artesanais, entre outras propostas que buscan manter viva a memoria e o saber popular da comarca.
O Folk Horror Festival pretende así continuar tecendo lazos entre veciñanza, artistas e entidades locais, recuperando as historias, músicas e símbolos que forman parte da identidade rural galega.










