A Concellería de Servizos Sociais do Concello do Carballiño impulsa unha nova edición do curso anual de natación para veciños e veciñas maiores de 65 anos. A actividade non só fomenta os hábitos de vida saudables, senón que tamén combate a soidade non desexada e favorece o envellecemento activo da poboación. Este curso realízase dende hai dúas décadas, o que dá conta da boa acollida por parte da veciñanza.
Silvia Baranda, concelleira de Servizos Sociais, salienta a importancia de impulsar actividades variadas dirixidas ás persoas maiores, xa que supoñen un impacto moi positivo na súa saúde física e mental. Nesta liña, o programa de natación súmase a outras propostas de envellecemento activo da Concellería de Servizos Sociais, tales como os obradoiros de memoria, impartidos por Afaor no local municipal do Bó Día Familia.
A nova edición do curso de natación realizarase de xaneiro a decembro de 2026 (de xullo a setembro haberá o habitual parón de verán), se ben o prazo de inscrición comeza xa o día 4 de novembro. A actividade realizarase dous días por semana, na piscina do ximnasio Olimpia, cun custe de 15,33 euros por mes.
Para anotarse é preciso presentar DNI, informe médico e número de conta nas oficinas do departamento municipal de Servizos Sociais, ubicadas na rúa Faustino Santalices. O curso conta cun total de 20 prazas, que serán asignadas por orde de inscrición.