O carballiñés e ex-Fiscal Superior de Galicia Carlos Varela ofrece aos lectores de Badalnovas este artigo:
Laiándose de ter sido vítima da intelixencia artificial (IA), a actriz norteamericana Scarlett Johansson tivo que desmentir en mais dunha ocasión a aparición da súa imaxe e voz en vídeos falsos, algúns de contido erótico ou pornográfico (deep nudes), que se fixeron virais é deron a volta o mundo en internet.
Trala desenfreada proliferación destes vídeos Johansson acusou o goberno do seu pais de estar paralizado cando se trata de aprobar unha lexislación que protexa a todos os cidadáns contra os perigos inminentes da IA.
No noso ámbito, o Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial (2024) pasou a incluír a definición da expresión deepfake, aludindo a “un contido de imaxe, audio ou vídeo xerado ou manipulado por unha IA que se asemella a persoas, obxectos, lugares, entidades ou sucesos reais e que pode inducir a unha persoa para pensar
erroneamente que son auténticos ou verídicos”.
Esta tecnoloxía sintética, permite asimesmo a recreación artificial de individuos falecidos, prolongando a existencia de personalidades notorias, figuras históricas e ilustres artistas, cuxas vidas quedan perpetuadas
no tempo vagando polo mundo de maneira infinita.
O exemplo mais famoso da implementación desta tecnoloxía no cine foi a derradeira película da saga Star Wars, na cal a actriz Carrie Fisher, coñecida polo seu personaxe da princesa Leila, falecera durante o seu rodaxe, polo que houbo que facer uso desta técnica para as escenas pendentes de gravación.
O temor a ser replicadas dixitalmente levou a celebridades como Madonna e a actriz Whoopi Goldberg a deixar constancia testamentaria para evitar ser perpetuadas baixo a forma de hologramas.
Nós ámbitos artístico e publicitario, tense dado o caso de vinculación dunha celebridade, xa falecida, con posicionamentos que están na antítese do seu pensamento en vida. Este paradigma comercial suscita
repercusións éticas e xurídicas asociadas a utilización da técnica deepfake en relación co dereito a tutela da imaxe post morten.
Nestes casos, sostense que debería ser contemplada unha lexislación, que determinara que o “contido reconstruído dixitalmente post morten debe ser coherente coa identidade construída durante a vida da persoa”, mesmo impedindo a autorización sobrevida dos herdeiros, polo que este aspecto da personalidade seria irrenunciábel é non formarían parte do conxunto de bens que conforman a herdanza dixital.
En xaneiro de 2021, unha marca cervexeira lanzou unha campaña publicitaria protagonizada por Lola Flores, artista española de fama internacional falecida en 1995. En cuestión de horas, a campaña bateu récords de difusión nos medios dixitais.
A súa principal peculiaridade foi o uso do deepfake para ‘devolver á vida’ á mítica artista, así como poñer na súa boca una mensaxe reivindicativa, que mobilizaba ao público para defender o seu acento.
No Brasil, suscitouse o debate con ocasión da “resurrección” dixital da ilustre cantora Elis Regina, falecida en 1982, propoñendo que os herdeiros e sucesores reciban exclusivamente os dereitos morais e financeiros da persoa falecida sen posibilidade de facer creacións dixitais que a fagan interactuar en situacións non experimentadas ou que choquen coas súas posición adoitadas en vida. Porén, non foi a primeira vez que, a través do uso manipulado da imaxe, a publicidade uniu una persoa viva a unha persoa morta para emocionar o pais.
En 1992, a peza publicitaria da cervexa Brahma reuniu a Vinicius de Morais, falecido 12 anos antes, co seu par musical Tom Jobim, promocionando esta bebida que non era a preferida do poeta, coñecido apreciador do wiski.
Estes exemplos, son indicativos da permanente necesidade de actualización da nosa lexislación ante o boom de ferramentas de IA xenerativa, caracterizadas pola explotación comercial de ilustres figuras falecidas, verificando si a utilización da súa imaxe esta en consonancia coa vida, valores, visión do mundo e pensamento que integraron, nunha época, a construción da súa personalidade.
Outros artigos de Carlos Varela:
Carlos Varela García :
- Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. (promoción 1974-1979)
- Ingresou, por oposición, na carreira Fiscal en maio de 1.985
- Comezou seu exercicio profesional na Fiscalía de Vigo, onde foi Fiscal de protección de menores e de delitos económicos.
- Fiscal Superior de Galicia desde xuño de 2004 a marzo de 2015
- Na actualidade é fiscal no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
DISTINCIÓNS :
- Premio Lois Peña Novo polo uso profesional do galego
(2001) - Fillo adoptivo de Cangas do Morrazo (2009)
- Premio Dolores Llopiz do Colexio Oficial de Psicólogos de
Galicia (2010) - Premio Freire Carril da Asociación Agromadas de Seixalvo (2013)
- Premio Cereixa de Ouro da parroquia viguesa de Beade
(2013) - Premio Arenteira do Carballiño (2014)
- Premio Agradecemento da Asociación Daravelo de Cangas
(2019)
Esta é unha pequena relación de distincións. Cabe destacar a firme defensa do uso da lingua galega no ámbito xurídico e público levada a cabo por Carlos Varela durante o seu exercicio profesional. Esta postura, fundamentada no marco legal, foi recoñecida de forma expresa polo Tribunal Supremo, que no seu día felicitou ao entón Fiscal Superior de Galicia pola presentación dun recurso escrito en galego, valorando tanto a lexitimidade como o rigor xurídico do mesmo ( https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2021/09/28/span-langgl-tribunal-supremo-felicita-ao-fiscal-carlos-varela-recurso-escrito-galegospan/00031632848628980364346.htm )
Este feito non só subliña o seu compromiso cos dereitos lingüísticos e a identidade cultural de Galicia, senón que tamén evidencia un profundo coñecemento da legalidade vixente e unha destacable valentía profesional na defensa de principios fundamentais.

















