O CEIP Pena Corneira preparou un intenso programa de actividades para festexar, este pasado sábado 25 de outubro, os seus 40 anos de andaina en Carballeda de Avia, unha cita á que estiveron convidadas a tódalas persoas vencelladas ao centro de ensino e tamén a veciñanza do municipio. Unha xornada para as lembranzas, de confraternidade e de moitas emocións nos rencontros entre os compañeiros e compañeiras de aula e tamén co profesorado que lles marcou o primeiro camiño na infancia.
A celebración abríuse ás 11,30 horas nas instalacións do colexio público cunha recepción ás autoridades convidadas por parte do director do colexio, Lucas Guzmán. Entre elas, contouse coa asistencia do alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia, e o xefe territorial da Consellería de Educación en Ourense, Jorge Rubén Sampedro, que abriron o turno de intervencións xunto con Pepe Rodríguez Iglesias, exdirector do centro de ensino, no salón de actos do centro. Unha exposición retrospectiva montada polo alumnado no interior do edificio, con imaxes e documentos, facía lembrar aqueles anos 80 aos antigos estudantes.
E nesta efeméride non se podía esquecer a laboura do profesorado que puxo en funcionamento as instalacións educativas tra-lo seu paso polas antigas escolas das parroquias de Carballeda: Camila Conde, primeira directora do Pena Corneira, e Nonila Varela, outra das mestras daquela época, e ás que se lle rendeu unha homenaxe e se lles fixo entrega dunhas placas conmemorativas.
Un emotivo acto no que un grupo de exalumos das diferentes etapas do colexio levou a cabo unha lectura conxunta, no que tamén se levaron obsequios outros integrantes do persoal docente e que deu paso a un xantar de confraternidade, no que se contaron moitas anécdotas dos primeiros anos do CEIP Pena Corneira.
















