

A pasada semana foi intensa no calendario nacional de Tiro Olímpico, coa celebración da Copa Ibérica e o Campionato de España de Xoves Promesas, competicións que tiveron lugar do 23 ao 26 de outubro no campo de tiro olímpico da localidade de Molina de Segura, na provincia de Murcia, e nas que o xove deportista do Irixo, Roi Freixedo, conqueríu dúas medallas de ouro e unha de prata co que se proclamou subcampión de España.
O programa da Copa Ibérica de Aire Comprimido disputouse o xoves 23 e o venres 24 no Campo de Tiro Olímpico de Molina de Segura, e Roi Freixedo desprazouse ata alí dende o Centro de Alto Rendemento de Barcelona para competir na categoría júnior de pistola onde de subiu ao podio para colgarse a medalla de ouro. Entre os case 100 participantes atopábanse os ourensáns Javier Delgado, que acadou o cuarto posto, tamén na categoría Pistola Júnior, e Rosario Martel, 4ª en Pistola Dama. Tamén destacaron os lucenses Nicolás Fraga, que se colgou outro ouro en Pistola Sénior, mentres Julio Rivas foi prata en Pistola Veterano.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Esas mesmas instalacións tamén acolleron a máis de 200 participantes no Campionato de España de Xoves Promesas, celebrado entre o venres 24 e o domingo 26. Roi Freixedo despediuse da súa categoría por idade, a xuvenil, proclamándose subcampión de España, ademais de colgarse o ouro por equipos coa Federación Galega de Tiro. Unha despedida agridoce, xa que o obxectivo era un chanzo máis no podio, pero un erro cometido ao executar un disparo da terceira tanda e que non conseguiu recuperar, frustrou a expectativa. Para o ano xa será sub23 dentro da categoría das Xoves Promesas.
O equipo da Federación Galega que se fixo co ouro na categoría xuvenil estivo formado polos ourensáns Roi Freixedo e Javier Delgado e polo lucense Xenxo López. En Pistola Cadetes Masculino, o equipo da Federación Galega colgouse o bronce co ourensán Breixo García, o lucense Gabriel E. Oballos e o coruñés Héctor Sánchez, mentres a ourensá Paula Andrade acadou a praza 18 en Pistola Cadetes Feminino.
A próxima cita de Roi Freixedo coas competicións do calendario nacional son a Copa Presidente e o Campionato de España de Clubs en Logroño entre o 28 e 30 de novembro.









