San Amaro celebra o 29 de novembro a ‘IV Festa do Viño’ con boa música, gastronomía e moita diversión

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de San Amaro prepárase para celebrar, o vindeiro 29 de novembro, a cuarta edición da Festa do Viño, unha cita que xa se consolidou como un dos encontros máis esperados e queridos do calendario deste municipio da comarca carballiñesa.

Unha celebración na que “se rende homenaxe ao gran traballo dos nosos viticultores e viticultoras, que con esforzo, dedicación e paixón manteñen viva unha tradición que forma parte da nosa identidade. Grazas a eles, o nome de San Amaro segue asociado á calidade e ao bo facer no mundo do viño”, apunta o alcalde, Fernando Rodríguez.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Con cada edición, reafirmamos o noso compromiso e ilusión por seguir avanzando cara a un obxectivo común: que San Amaro forme parte da Denominación de Orixe Ribeiro”, engade o rexedor. “Sabemos que o camiño é longo, pero tamén que o noso potencial e o traballo da nosa xente levaranos a conseguilo”, conclúe Fernando Rodríguez.

O programa previsto para o sábado 29 de novembro dará comezo ao fío das 17,30 horas no campo da festa de San Amaro, con “boa música, gastronomía e un ambiente incomparable”, e contará coa degustación dos viños novos de calidade das localidades de Anllo, San Fiz, A Saínza, Xinzo/Eiras, Sabaríz e O Cruceiro.

Dende o Concello convidan a asistir a este festexo de exaltación da riqueza enolóxica do municipio.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------