A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, reuniuse co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, para avaliar novas vías de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Boborás, orientadas á mellora da eficiencia enerxética do alumeado público e á renovación das instalacións deportivas municipais, especialmente o pavillón e o polideportivo.
Durante o encontro tamén se abordou o convenio recentemente asinado coa Consellería, que supón un investimento de 40.000 euros para a renovación do alumeado público nos lugares de Sonelle, Pereiras, Porto Pereiras e Xendive, onde se substituirán 98 puntos de luz, ademais de tres cadros eléctricos e varios tramos de cableado.
Esta actuación permitirá mellorar a calidade lumínica e reducir o consumo enerxético, avanzando nun modelo de municipio máis sostible e eficiente, e mellorando tamén a seguridade da propia veciñanza.
Marco de actuación
O Concello de Boborás conta cun total de 2.245 puntos de luz, dos cales xa se renovaron 1.514, incluíndo esta última actuación. Quedan 731 puntos pendentes, que se irán renovando paulatinamente nas diferentes subvencións e convenio que o Concello vaia solicitando para este fin, co obxectivo de completar a modernización integral de toda a rede de iluminación pública con tecnoloxía LED.
As zonas que aínda quedan por renovar inclúen as parroquias de Xurenzás,e os lugares de Vecoña de Arriba e de Abaixo, O Gabián, Moldes (neste caso o núcleo, xa que o resto da parroquia foi renovado), Laxas, Vilachá, A Fenteira, Borraxas, Gontelle, Parada, A Granxa, San Bartolomeu, Vilanova, A Costa, Eiravedra, Lamela, Valdesensda, Saa, San Andrés e Sobredo.
A alcaldesa, Patricia Torres, agradeceu o apoio da Xunta de Galicia e destacou a importancia desta colaboración para continuar mellorando a eficiencia enerxética e os servizos municipais, “nun momento no que os concellos precisan do respaldo institucional para avanzar en proxectos que melloran a calidade de vida e a seguridade da veciñanza”.

















